Sarria e Monterrei enfrontan ao Consello da Cultura e á Xunta arredor do patrimonio
Após presentar o informe que desautorizaba a construción do hotel no Castelo de Monterrei, o Consello da Cultura intervirá agora no conflito provocado pola obra da Confederación Hidrográfica.
A Plataforma Sarriana polo Río vén de aceptar a mediación do Consello da Cultura Galega no conflito que hai meses se desenvolve en Sarria na defensa dos seus ríos e o patrimonio adxacente fronte á obra da Confederación Hidrográfica na Vila.
Foi a propia Plataforma a que se dirixiu ao Consello da Cultura Galega para mostrar o seu agradecemento á hora de protexer o patrimonio de Sarria e “o seu esforzo por axudar a resolver o conflito” producido polo proxecto de adecuación dos ríos e ordenación das marxes do Sarria e Celeiro.
"Foi a propia Plataforma a que se dirixiu ao Consello da Cultura Galega para mostrar o seu agradecemento á hora de protexer o patrimonio de Sarria"
Acepta desta maneira a “mediación” do CCG co fin de chegar a un acordo entre as partes implicadas. A Plataforma reclama tamén que o encontro se desenvolva o antes posíbel xa que, segundo denuncian, nestes días estase a demoler o estribo esquerdo da Ponte Ribeira, un dos elementos patrimoniais de máis interese. “Segundo o informe emitido polo alto organismo asesor da Autonomía galega, debería ser a ponte a protexer con carácter prioritario”, sinalan.
O anuncio da Plataforma Sarriana polo Río prodúcese tan só un día despois de que a Xunta confirmara que continuará coas obras do hotel no Castelo de Monterrei, malia o informe negativo emitido pola Comisión de Patrimonio do Consello da Cultura Galega.
Patrimonio e veciñanza
Pola súa banda, a Plataforma en defensa do Castelo de Monterrei aplaudiu a publicación do documento “Usos do Castelo de Monterrei”, solicitado pola propia entidade ao Consello da Cultura Galega. En 118 páxinas o órgano asesor en materia de cultura explica as razóns que desaconsellan a construción dun hotel no monumento histórico, proxecto que leva adiante a Xunta coa oposición de numerosos colectivos da comarca. O documento elaborado pola Sección de Patrimonio do Consello recomenda catalogar o castelo como Conxunto Histórico e establecer a figura de protección máis acaída para a súa conservación.
"O Consello destaca a relación intensa que se estableceu entre a cidadanía e o seu patrimonio na comarca e os lazos de identidade que se crearon arredor do castelo"
“Cremos que debe revisarse o destino para un uso hoteleiro dunha parte do actual edificio do Castelo dado que xa existe un edificio destinado a este uso a 400 metros do mesmo e que ten problemas de sostemento”, sinalan no informe no que recollen que, desde o punto de vista do Consello sería, no lugar do hotel, máis atinado “facer un plan de viabilidade do parador xa existen
Destacan tamén a relación intensa que se estableceu entre a cidadanía e o seu patrimonio na comarca e os lazos de identidade que se crearon arredor do castelo.
Paralizar obras
O Consello reclama no propio documento que a Xunta teña en conta o seu informe “antes de continuar as obras no sentido do proxecto reformado” e proponse para o desenvolvemento de “conferencias de consenso” na busca de “converxencia e síntese dos diferentes criterios e valoracións”. A Xunta non tardou en darlle as costas ao informe do Consello e anunciar que continuará coas obras do hotel, co argumento das repercusións económicas que o establecemento de, como moito, 13 cuartos pode reportar na comarca.