'San Simón', de Miguel Ángel Delgado, premiada na Sección Oficial do OUFF
Tras estrearse mundialmente no Donostia Zinemaldia con todas as entradas esgotadas, participou na Sección Oficial Panorama Galicia do Festival de Cine Internacional de Ourense esgotando tamén todas as localidades nos seus dous pases.
San Simón, opera prima de Miguel Ángel Delgado, fíxose coa Calpurnia á Mellor Película na Sección Oficial Panorama Galicia do Festival de Cine Internacional de Ourense (OUFF). Así o decidiu o xurado da sección formado polo director, guionista e produtor Norberto López Amado, a xornalista Nora Sola e o produtor executivo Xosé M. Barreira, especializado en produción internacional co programa Media da UE.
Esta foi a primeira vez que a película se puido ver na Galiza nun festival de cine, esgotando todas as entradas das dúas sesións, ao igual que sucedeu na súa estrea mundial no Donostia Zinemaldia. Despois da súa estrea internacional, que se desvelará proximamente, San Simón chegará ás salas de cine o próximo 24 de outubro.
En palabras do director, Miguel Ángel Delgado, este premio fai sentir a todo o equipo afortunado porque permite que "San Simón poida elevar o seu canto á memoria e á liberdade". Ademais, Delgado destaca que "foi unha honra e un privilexio esta primeira proxección da película na Galiza. Emociónanos profundamente poder compartir con toda a xente que acudiu ás salas a historia de San Simón".
A película sitúase en outubro de 1936. O réxime ditatorial de Francisco Franco crea máis de trescentos campos de concentración por por todo o Estado español: conventos, fábricas, escolas, prazas de touros, mosteiros e outros espazos "fechados". San Simón destaca pola súa insularidade. O franquismo converte o antigo lazareto nun lugar de morte onde os prisioneiros sofren a represión rodeados dunha beleza abafadora. Sete anos despois, Lamas, un preso da illa, lembra a historia dos homes e as mulleres que, como el mesmo, sufriron a represión neste pequeno enclave da costa galega.