CONTRACULTURA

Salvador Soutullo, escritor: "En Europa hai xente nova galega que está facendo un traballo asociativo importante"

O escritor Salvador Soutullo co seu libro biográfico nas mans. (Foto: Arxina)
Salvador Soutullo Carolo (Barcelona, 1965) vén de sacar do prelo a obra De independentista mozo catalá a nacionalista galego (Acega Edicións, 2026), con limiar de Antom Arias Curto. Nela, o escritor narra a modo de biografía, a súa viaxe política, que comezou en Catalunya e continuou na Galiza, até a actualidade. 
 

—Cales foron as súas primeiras lembranzas na política en Catalunya?
Despois de participar na Asociación de Veciños Coll-Valcarca ao mesmo tempo que no PSUC. Daquela había feches para pedir postos de traballo. Ao ano seguinte xa estaba na Coordinadora de Col·lectius Independentistas d'Instituts e coñecín a Carles Ricard, que me puxo en contacto co PSAN, onde coñecín a Josep Guia. Eran os 80 e naqueles anos tamén se fundou o Moviment de Defensa da Terra (MDT). Após varias escisións e desencontros, en  1989 creamos o Front Nacional de Catalunya. Rematando a década foi cando decidín, como moitos outros independentistas, integrarme en ERC. En 1992, coincidindo co ano dos Xogos Olímpicos, detivéronme  e leváronme á Audiencia Nacional en Madrid. O meu propio partido tivo que pagar a miña fianza que, daquela, era de 2 millóns de pesetas. Seguín en ERC e xa nos 9o entrei en contacto coa colectividade galega en Catalunya.

—Como foi ese contacto e que opinión lle quedou do asociacionismo galego alá?
Foi en 1996 e a través dun amigo que me falou da revista Lúa que se editaba en Hospitalet de Llobregat dirixida por Antonio Díaz. O traballo asociativo galego na emigración é moi importante. Hai que pensar que en Europa, concretamente, hai xente nova galega que está facendo un traballo asociativo importante. Fan radio, revistas e outras actividades que dan a coñecer Galiza fóra, ademais de darlle visibilidade ao problema que hai da nosa emigración. Explican as necesidades que pasaron os galegos que tiveron que deixar a súa casa para conseguir unha mellor vida.  

—En que momento decidiu vir a Galiza e como viviu esa chegada?
En 1999, con 35 anos, decidín vir e afiliarme ao BNG. Coincidiu con que se me manifestou unha enfermidade, denominada trastorno esquizoafectivo, que provocaba que non parase de facer cousas seguido. Porén, ninguén se decatou de nada até pasar un tempo e quen o fixo foi miña nai. A enfermidade avanzou e ao final tiven que ingresar en psiquiatría por orde xudicial. Eu non me decataba do que acontecía e pensei que estaba preso ilegalmente e cheguei a mandar unha carta ao xuíz. Ademais, fuxín do hospital e foron na miña procura até atoparme na casa familiar.

Ao saír do centro seguín coa miña militancia no BNG local de Boqueixón, levando a comunicación e dirixindo a revista O Candil. A miña hiperactividade política rematou cando viñeron as escisións de Amio, que tamén estiveron presentes no meu concello.

—Coa súa experiencia política no independentismo catalán, como ve a situación agora mesmo en Catalunya?
Está dividido. Nos meus tempos de militante en ERC fun membro do seu Consell Nacional, mais o que vou dicir non ten que ver coa relación estreita que tiven con esa formación. Vexo que, agora mesmo, ERC ten táctica e estratexia. A estratexia é chegar á independencia e a táctica é como facelo  para chegar á independencia. Pola contra, en Junts per Catalunya só vexo estratexia, só falan de independencia mais non falan de como conseguila nin que pasos pensan dar. A miña opinión persoal é favorábel a ERC que, ademais, presentouse ás eleccións ao Parlamento europeo co BNG e con EH Bildu.