Especial

Este sábado, con 'Sermos Galiza', 30 rutas para coñecer e sentir o país

Capa do próximo número de 'Sermos Galiza', que se publica o vindeiro sábado. (Foto: Nós Diario)

Este sábado, 10 de xaneiro, Sermos Galiza chega aos quioscos cun número especial concibido como unha homenaxe ao Colectivo Xea, que durante anos converteu o semanario nun convite permanente a camiñar o país con ollada atenta, espírito crítico e amor pola terra. Tras máis de medio milleiro de rutas publicadas, Adela Leiro e Mon Daporta despídense por motivos de saúde, deixando un legado que fica nas páxinas de Sermos Galiza e na memoria colectiva: un mapa da Galiza feito a pé, paso a paso.

Este sábado, 10 de xaneiro, Sermos Galiza chega aos quioscos cun número moi especial. Un volume concibido como unha homenaxe sentida e agradecida ao Colectivo Xea, que durante anos converteu o semanario nunha porta aberta para camiñar o país con ollos curiosos, espírito crítico e amor profundo pola terra. Trátase dun número que mira atrás para recoñecer un traballo inmenso e, ao tempo, convida a seguir andando.

No pasado mes de decembro, Adela Leiro e Mon Daporta publicaron a súa última colaboración en Sermos Galiza. Fixérono obrigados por motivos de saúde, os cales lles impiden calzar as botas, coller a mochila e botarse a camiñar, unha das cousas das que máis desfrutan. Pero as súas pegadas nos sendeiros fican para sempre nas hemerotecas: máis de medio milleiro de rutas publicadas baixo o título de 'Andar e ver', un verdadeiro mapa sentimental da Galiza, trazado paso a paso, sendeiro a sendeiro, val a val.

Para este número especial, Sermos Galiza fai unha selección de 30 rutas emblemáticas, unha escolma representativa coa que o Colectivo Xea nos levou a coñecer o país desde múltiples perspectivas: o litoral e o interior, as serras e os vales, os ríos, as fragas, as aldeas e as vilas. Son itinerarios que non só propoñen camiñar, senón tamén entender, observar, respectar e querer Galiza.

30 rutas para entender un país

As páxinas deste número especial propoñen unha viaxe diversa e fonda polo país, desde a Costa de Oleiros (comarca da Coruña) ou o litoral da Guarda, (O Baixo Miño) entre o Miño e o Atlántico, até espazos de interior como o Val de Vilameá no Xurés (A Baixa Limia), a Serra do Barbanza, o Courel (comarca de Quiroga), os Ancares ou o val glaciar de Lamas Requeixo, en Maceda de Trives (Terra de Trives). Hai rutas costeiras emblemáticas, como Corme–Roncudo (Bergantiños), o litoral do Grove (O Salnés), a costa de Poio entre Raxó e Combarro (comarca de Pontevedra), Camariñas de Santa Mariña a Camelle (Terra de Soneira) ou o sur do litoral vigués, de Bouzas a Cabo Estai; percorridos fluviais e de fragas, como o Lambre ao Mandeo (As Mariñas), as Fragas do Eume, o río Madanela (A Terra Chá), as Fontes do Sil ou o canón do Sil en Parada de Sil (Terra de Caldelas); camiños de simbolismo histórico e cultural, como o Pico Sagro (comarca de Compostela), Ribadavia (O Ribeiro) ou Padrón, de Santiaguiño do Monte a Iria (O Sar); e espazos singulares marcados pola paisaxe e a memoria, como Vilachá de Salvadur (Terra de Lemos), Augasmestas (Valdeorras), o foxo de Entrecabezas (comarca de Viana) ou as fervenzas de Cuntis (comarca de Caldas) e Mazaricos (Xallas). Trinta itinerarios para volver camiñar Galiza con ollada lenta e consciente.

Este número especial é unha invitación a volver camiñar, a recuperar rutas coñecidas ou descubrir outras novas, e tamén a recoñecer o valor dun traballo xornalístico e divulgativo feito con tempo, rigor e paixón. As outras máis de 500 rutas do Colectivo Xea poden consultarse na hemeroteca de Nós Diario.

Este número de Sermos Galiza pode conseguirse este sábado, 10 de xaneiro, nos quioscos acompañando Nós Diario ou subscribíndose ao xornal. É exemplar para gardar, para ler con calma e para saír ao monte, á costa ou ao val coa certeza de que camiñar tamén é unha forma de coñecer e defender o país.