Rosalía como símbolo segundo Francisco Rodríguez

O libro presentouse esta cuarta feira no 'Vide,Vide' de Compostela. (Foto: Arxina)
Francisco Rodríguez presentou esta cuarta feira o seu último libro, Desvendando Rosalía e a súa obra, no que, con intención divulgadora, achega novas chaves para entender á que poderiamos considerar a fundadora da literatura galega moderna, esnaquizando tópicos e advertindo sobre a fraxilidade na que se sustentan as novas miradas a respecto da súa figura e a súa obra. 
 

Autor da primeira tese de doutoramento sobre Rosalía de Castro presentada na Galiza —Análise sociolóxica da obra de Rosalía de Castro— e do seminal volume Rosalía de Castro, estranxeira na súa patria, unha auténtica pedra angular para a avaliación contemporánea da figura e da obra da autora, Francisco Rodríguez presentou esta cuarta feira, no espazo 'Vide, Vide' de Compostela, Desvendando Rosalía e a súa obra, a súa última achega ás creacións da escritora. O volume, editado por Tempo Galiza, recolle varios traballos publicados por Rodríguez nos últimos anos arredor da poeta nacional galega, moitos deles publicados nas páxinas de Sermos Galiza e Nós Diario.

Este novo libro afonda nunha liña interpretativa, iniciada xa en 1970 —no artigo Carácter da literatura galega o exemplo da obra de Rosalía, publicado na revista Grial—, na que a poeta é vista como "símbolo central no noso itinerario consciente, como pobo negado, para deixar de selo".

O autor mostra como a obra rosaliana se transforma en resposta á experiencia colectiva dun pobo sometido que, desenvolvida á sombra da revolución de 1846, se erixe en contestación á construción dun Estado español, centralista e capitalista, empeñado en eliminar toda pegada de identidade propia da Galiza para substituíla pola española.

A contribución de Rodríguez resulta decisiva para comprender o alcance da obra de Rosalía, non só no que ten de intencionalidade patriótica, senón tamén para interpretar a súa condición emancipadora desde unha perspectiva feminista e mesmo socialista, procedente da influencia de pensadores pertencentes ao socialismo utópico da época.

Intención divulgativa

"Este libro é unha iniciativa da editora Tempo Galiza, que pensou que hai moitos artigos con intención divulgadora que están publicados en revistas especializadas, ou que non se atopan, en xeral, a disposición do público", explica Rodríguez en conversa con Nós Diario. "A intención, precisamente, é espallar a nivel social esas cousas que parece que se saben pero que , en realidade, permanecen ocultas".

O autor incide en que a figura de Rosalía de Castro sufriu nos últimos anos unha revisión que a popularizou e que a achegou moito máis ao público xeral, mais que ao tempo, tamén  corre o risco de sufrir un proceso de banalización que podería baleirar de significado a súa figura.

"Hai unha parte importante do libro que descansa sobre a observación dese proceso. Por poñer un exemplo, está moi ben que se fagan camisetas coa imaxe de Rosalía; mais se iso non vén acompañado dun coñecemento máis profundo sobre o que significa a súa obra, todo pode quedar reducido a unha frivolidade pasaxeira", indica.

O mesmo sucede con algunhas lecturas feministas que se fan da súa obra. "Se só se refiren a unha visión estereotipada e superficial da loita feminista, non me parecen interesantes", di. E, sobre todo, do esquecemento da ideoloxía nacionalista que preside o seu pensamento. "Ese é un aspecto no que case nunca se repara, na súa ideoloxía patriótica. Penso que é algo interesado que nos debería facer sospeitar dalgunhas interpretacións".

 Rodríguez lembra como, durante moitos anos, se tratou de ridiculizar a visión dunha Rosalía emancipadora, tratando de manter un mito que os estudos desmentían constantemente. "E ese desprezo non viña exclusivamente de parte da dereita: nel participaba unha boa parte da esquerda pseudonacionalista que controlaba as universidades e a formación do profesorado. Déronse ataques tremendos nos cales se manexaban auténticas burradas coma se fosen argumentos. Mais pouco a pouco a presión social e o traballo dalgúns estudosos estranxeiros fixeron que os que mantiñan esa visión descafeinada da literatura rosaliana se visen desbordados: entón, pasaron a afirmar o contrario do que sostiñan antes. Hai que ter presentes todos aqueles debates para ser conscientes de que ese cambio na percepción social de Rosalía custou moito, que non foi un camiño doado. E que aínda agora moitos deses tópicos redutores non desapareceron de todo. Temos que ser coidadosos e non pensar que se coñece algo cando só se coñece a codia".

Ler e escoitar Rosalía

Ao tempo, o autor tamén recoñece que houbo moitas cousas moi ben feitas e pon como exemplo o espectáculo de Teatro do Atlántico Libre coma os paxaros. "É un traballo absolutamente excepcional e emocionante. E malia que tivo unha recepción moi boa por parte do público, se existise un apoio real das institucións á cultura propia, o seu éxito sería aínda moito maior".

"Rosalía debe ser lida e escoitada", continúa Rodríguez. "E moitos dos artigos que recolle este  volume están escritos para darlle voz, sen ningunha intención panfletaria. Simplemente hai que saber ler os textos para decatarse de que para nós debería ser unha figura como a de Shakespeare para os ingleses: pódese facer de todo con el, mais respectando o seu significado, sen caer nunha interpretación parcial que anule a orientación da súa obra. É preciso lembrar que Rosalía era unha escritora, con vontade de selo e preocupada pola recepción dos seus libros. E por iso lela con coidado é o mellor antídoto contra a ignorancia que a rodea".

Nese sentido, Rodríguez  insiste na importancia da obra rosaliana para o estabelecemento dun sistema literario propio. "Ela trata de crear un espazo cultural galego e unha rede social que o sustente. E mesmo nos seus libros, especialmente en Follas Novas, hai un esbozo de como había de ser ese espazo: aí atopamos dramática, lírica, épica... Iso si o captaron algúns dos seus contemporáneos, nomeadamente Curros Enríquez e Pondal, que foron quen de reforzar ese edificio literario cunha obra de gran valor que consolidou a literatura nacional".


Símbolo da nación

Francisco Rodríguez non oculta a "decepción" que produce que a literatura nacional teña "un papel irrelevante" no sistema educativo galego. Porén, se asistimos a unha especie de "rexurdimento" da súa obra é "porque existe un pobo galego que segue vivo". "Con ela quixeron acabar moitas veces, comezando polos que pensaron que os seus libros eran os últimos espasmos antes da morte da cultura galega. Morta Rosalía se acabó la rabia, dicían. Mais a realidade nacional galega é teimuda e, dunha maneira ou outra, a súa obra acabou sendo un símbolo da nación".