DAR NOME A UNHA ESTRELA E UN PLANETA

Rosalía de Castro, o río Sar, Breogán e o seu fillo Ith aspiran a estar nos ceos

Até o vindeiro 12 de novembro está aberta a votación para poñer nome á estrela HD 149143 e ao planeta HD 149143 b, no marco dun proxecto internacional impulsado pola Unión Astronómica Internacional (IAU) como parte das actividades de celebración do seu 100 aniversario.

A Unión Astronómica Internacional (IAU), no marco dos actos de celebración do seu 100 aniversario, está desenvolvendo un proxecto baixo o nome de NameExoWorlds, polo cal asigna a cada país un sistema formado por unha estrela e o planeta que a orbita para que lles dea nome mediante a participación cidadá.

Ao contrario do ocorrido coa última iniciativa deste estilo, non terá lugar unha competencia entre países, senón que cada un terá a súa estrela e planeta propios que nomear. Así, o sistema designado para o Estado español está na constelación de Ofiuco –o encantador de serpes-, que consta dunha estrela coñecida como HD 149143, que se atopa a 240 millóns de anos luz da terra. Pola súa banda, o exoplaneta é HD 149143 b, e trátase dun planeta de tipo xigante gasoso de, como mínimo, 1’33 veces a masa de Xúpiter.

Apertura das votacións vía internet

No caso do Estado español, a IAU, a través da súa delegación, recibiu 20 propostas por parte de astrónomos afeccionados e profesionais, así como da cidadanía en xeral, entre as que se seleccionaron doce que cumpren cos requisitos estabelecidos. Entre elas está a aposta da Agrupación Astronómica Coruñesa Ío, que propón Rosalía de Castro como nome para o satélite, e o río Sar para o planeta. O membro da agrupación Ío, Martin Pawley, destaca o feito de ser “unha das poucas asociacións astronómicas que está detrás dunha das propostas”. 

Tamén está relacionada con Galiza a dos astrónomos galegos da Universidade Autónoma de Madrid Isabel Rebollido e Asier Castrillo que propoñen Breogán para estrela e o seu fillo Ith para o planeta. As votacións realizaranse a través da páxina web www.nombraexoplanetas.es, e estarán abertas até o vindeiro día 12 de novembro, incluído, mentres que os resultados da votación coñeceranse arredor de mediados do mes de decembro, cando a Unión Astronómica Internacional os faga públicos.