'Rompente', de Eloy Domínguez, mellor curtametraxe do Festival de Málaga

Eloy Domínguez recibe o premio a mellor curtametraxe (Foto: Zeitun Films).
Este é o primeiro filme de ficción do director, coñecido polas súas obras documentais.

Rompente, curtametraxe dirixida polo director natural de Simes (Meaño) Eloy Domínguez Serén e producida pola coruñesa Zeitun Films, vén de gañar a Biznaga de Prata á mellor curtametraxe de ficción do 25º Festival de Málaga.

Este filme, a primeira ficción de Domínguez, foi rodado na comarca do Barbanza e está protagonizado por Sergio Baleirón, Soraya Luaces e Vicente Mohedano.

A obra narra a historia de Santi, un pai adolescente que vive nunha pequena vila costeira. De día traballa nas bateas e polas noites marisquea de maneira furtiva.

Mentres a súa moza Lucía asume en soidade o coidado do bebé de ambos os dous, Santi, ausente e afogado pola responsabilidade, busca refuxio e redención no mar.

A pasada semana, o director contaba nunha entrevista concedida a Nós Diario: "A trama de Rompente ten unha inspiración autobiográfica moi clara: baséase na experiencia dos meus pais, que me tiveron no ano 1985 nunhas circunstancias moi semellantes ás que viven os protagonistas da película".

Para atopar ao protagonista masculino, Sergio Baleirón, Domínguez Serén pasou uns seis meses percorrendo os portos do Barbanza e da Costa da Morte buscando mariñeiros da idade dos protagonistas, contándolles o proxecto e coñecéndoos.

"Era o meu primeiro proxecto de ficción e tamén o deles, así que podemos dicir que fomos aprendendo xuntos", detallou, "até que apareceu a persoa indicada".

No caso da protagonista feminina o proceso foi lixeiramente distinto: "Observei que nestes contextos a muller da parella adoita ser sempre máis nova, polo que me dediquei a percorrer os institutos proxectando Hamada, e organizando coloquios nos que explicaba o que descubrín sobre o conflito saharauí rodando a película e contando como traballara cos protagonistas, que tamén eran moi novos. Nesas charlas dsvelabao novo proxecto e ía vendo quen estaba interesado en participar, e aí xurdiu Soraya Luaces", explicou.