Richard Gere, un orgulloso galego máis, é preguntado en Madrid polo significado que España ten para el: "Eu son da Galiza"
O famoso actor estadounidense Richard Gere e a súa muller, Alejandra Silva, presentaron esta semana en Madrid un proxecto solidario impulsado xunto á Fundación Hogar. Trátase do documental 'O que ninguén quere ver', que trata de dar visibilidade ao problema das persoas que non gozan dunha vivenda.
Alí, nos Cines Callao da capital do Estado español, Gere foi preguntado polo significado que tiña España para el, e a resposta non pasou desapercibida. "Eu son da Galiza", afirmou sorrindo e amosando orgullo pola terra da súa muller. "Son da Galiza, desde hai moito tempo", remarcou o norteamericano.
O actor xa incidiu varias veces na súa identificación como galego. Anteriormente, nunha entrevista no programa 'El Obxectivo' de LaSexta sinalou que a súa muller viña "dun lugar moi especial, Galiza", e que cada vez que falaba del "parecía que falase do paraíso dos paraísos".
"É moi bonito e é moi diferente ao sur. Parécese ao lugar onde eu crecín porque hai moitos árbores e é moi verde. Encántame", aseguraba o estadounidense. Mais estas palabras non foron as únicas sobre Galiza que tiveron unha gran repercusión mediática, posto que tamén se pronunciou sobre o país na gala dos Goya.
Gere gañou o Goya Internacional de 2025. No seu discurso, destacou o seu profundo vencello coa Galiza, a terra da súa muller, ao afirmar: "Non son parvo, sei que o verdadeiro motivo polo que me deron este premio é porque me casei con esta fermosa muller da Galiza".
O norteamericano casou con Silva en 2018 en Nova York. A galega, que naceu na Coruña en 1983, pasou a súa infancia na comarca, concretamente na localidade de Oleiros, onde a súa familia conserva a vivenda, lugar que ela e o recoñecido actor estadounidense visitan con certa regularidade.