O Ricardo Segura Torrella social
Á altura de 1961 nace a Agrupación Cultural O Galo, en Compostela. Era o inicio tras Brais Pinto en Madrid da concienciación colectiva a prol da defensa da cultura galega, despois da guerra civil española. Xulio Maside, Aurichu Pereira, Salvador García Bodaño, Xesús Sanxoás ou Ventura Cores, entre outros, eran os seus fundadores. O seu primeiro traballo foi a organización dunha exposición de pintura que se realizou no Hostal dos Reis Católicos e que levaba como título '20 pintores para a paz'. Estes eran Alfonso Abelenda, Fernando Alonso, Francisco Creo, María Antonia Dans, Virxilio Fernández, González Collado, González Pascual, Manuel Jorge, Lago Rivera, Xohán Ledo, Urbano Lugrís, Jesús Núñez, Pérez Bellas, Quessada, Rodríguez Sánchez, Segura Torrella, Suàrez Llanos, Suárez Molezún, Antonio Tenreiro e Villar Chao. Estes 20 pintores foran escollidos polos organizadores para dar unha visión da “nova e inqueda pintura galega que amostrou ao público a puxanza actual deste arte en Galicia”, deixou escrito Luís Seoane. Os organizadores conformaron un conxunto no que había abstracción –que non era ben aceptada polo réxime franquista– arte xeométrica, lírica, informalista, figurativa… deixando fóra e á mantenta a arte costumista e académica patrocinada polo Estado totalitario, na que Álvarez de Sotomayor e Julia Minguillón eran figuras destacadas amais da súa defensa ultra da ditadura.
Non temos noticias da obra ou obras que Segura Torrella presentou nesta exposición, pero a súa pintura por estas datas amosaba unha influencia do neocubismo que seguro que aprendeu de Vázquez Díaz na súa estadía en Madrid no ano 1952. Os retratos da súa muller Julia desta época, datados no 1961 –Julia, Cabeza de Julia e Grecia–, son elaborados mediante planos de cor e certa xeometrización. Co tempo este sistema construtivo derivará nas fortes pinceladas tan características da súa pintura.
Atrás deixara o seu clasicismo inicial, que chamara a atención do seu mestre Bello Piñeiro. A súa influencia deixouse ver na pintura da paisaxe e as cañotas.
A súa estadía en Doniños a partir dos anos 60 ou as súas vacacións no Barqueiro foron motivo para recrear a paisaxe galega. Resultado da súa paixón pola lectura da literatura suramericana e de Álvaro Cunqueiro, lévano a reflectir a paisaxe dun novo xeito: fronte ao realismo do seu mestre, crea cadros nos que o condicionante físico só é a desculpa para impregnar os lenzos ou o papel de cores primarias –vermello, azul, verde– dados con pinceladas explosivas, que tecnicamente o emparentan co expresionismo europeo ou máis concretamente coa Escola de Londres. Outros prefiren cualificar a súa obra paisaxística como realismo máxico.
A pegada que deixou a obra de Segura Torrella
Con Segura Torrella, a pintura de paisaxe na Galiza adquire unha linguaxe moderna e universal, onde valores da arte galega como a cor intensa, ou o horror vacui, levan a súa arte, a emparentarse coa estética atlántica, definida por Vicente Risco. Adiantouse moito a aqueles mozos que baixo o nome de 'Atlántica' expuxeron en Baiona no 1980. Tamén no eido da simboloxía, o noso artista, coas súas máscaras entronca co millor da pintura europea, como son Nolde ou Ensor. Pero tamén co mellor da pintura de Laxeiro.
Seguramente tras da súa viaxe a París, no ano 1966, onde conectou e coñeceu as distintas correntes estéticas, chegou a súa madurez pictórica. Pero tamén aquela viaxe a un París multicultural e efervescente foi o contraste coa sociedade que o noso pintor coñecía.
Aquela noite de pedra na que Segura fora interiorizando sentimentos producidos pola sociedade franquista rachaba coa súa estadía na cidade da luz. Na súa memoria seguro que estaban os dezanove retratos que Bello Piñeiro fixo de Franco, ou como o pintor do Seixo por medo converteuse nun alcohólico. Por Ferrol nos anos corenta, os guerrilleiros, sottovoce, eran motivo de conversa, ata que en 1954 Pancho foi matado.
No 1972, Ferrol é a punta de lanza contra o réxime franquista debido a loita obreira. No 1975, o asasinato de Moncho Reboiras produce en Ferrol unha forte conmoción.
Todos estes factores sociais, aparecen expresados ideoloxicamente en pequenas doses na pintura do noso autor, a partir de 1975.
Exposición en Ferrol
A mostra que se presenta no Torrente Ballester de Ferrol, comisariada por Suso Basterrechea, quere lembrar o 25 aniversario da morte do artista (Ferrol, 1927-2000), trato de entendela dende unha clave social, sen esquecer que a linguaxe empregada polo noso artista formaba parte dunha arte nova enfrontada a arte oficial franquista. O artista produce a súa obra en Ferrol, dentro dunha sociedade clasista, onde o elemento militar é predominante e a ideoloxía franquista respirábase a bafaradas.
Estas circunstancias, estes feitos dramáticos, explican a súa obra na década dos setenta. O terror da longa noite de pedra provoca que Segura Torrella exprese nas súas creacións as súas inquedanzas, a súa denuncia, en formato de pequenas faragullas ou de metáforas.
Vietnam, de 1967, recolle o ambiente antiimperialista que se vivía no París dos sesenta e que un ano despois estouparía naquel máxico Maio do 68. Mentres, en Compostela un mes antes os estudantes levaban a loita antifranquista á universidade. Tecnicamente aquelas pinceladas xeométricas agora son pinceladas expresionistas que configurarán a linguaxe estética do noso artista.
Atreveuse a pintar no ano 75 o cadro La muralla. Segura, que tiña pintado espidos, era consciente que aquela sociedade, por influxo do nacional-catolicismo, tiña interiorizado o espido –sobre todo o feminino– como algo perverso. Porén, esa mesma sociedade, nun acto de suma hipocrisía, consumía os espidos que podía; tanto foi así que o posfranquismo abriu as revistas e os cines para ensinar os corpos como característica da nova sociedade que viña.
Segura adiantouse. Mostra nese lenzo a unha parte da sociedade representada por máscaras voluptuosas que miran catro corpos desnudos. Un deles leva unha flor no cu, lembrándonos o tríptico do Bosco, O xardín das delicias, onde o panel central aborda o tema da luxuria.
Sería xa nos anos noventa –cando conta xa con sesenta anos– en que o autor faise uns autorretratos. Destacan por pintarse con sombreiros de flores ou rodeado de máscaras que Segura chama amigos. Non cabe dúbida de que esta estética das flores lévanos a pensar na cultura hippie, que Segura unha vez en democracia reflexa nos seus cadros.
Pero non deixa de ser unha protesta –con atraso– daquela sociedade militar, xerarquizada e clasista que o artista padecera antes do ano 78. A linguaxe empregada a base de cores fortes e multitude de pequenas pinceladas que constrúen as formas son parte desa denuncia social que eu vexo na obra de Segura Torrella.
Se no ano 1855 nacía o realismo con Gustave Courbet, que se atrevía a pintar a picapedreiros, Castelao na Galiza procura enfrontarse ao costumismo de Álvarez de Sotomayor, pintando labregos e mariñeiros. Segura Torrella recolle o facho do realismo de Castelao con outra linguaxe innovadora. Tamén debe facerlle fronte á arte imperante demandada polas clases conservadoras, como era a paisaxe tradicional e o costumismo. e pinta a unha muller de clase baixa.
No ano 78 leva ao lenzo a unha muller popular, pescantina e que tivera o seu papel naqueles días de morte, angurias e represión do marzo do ano 72. Era Mela, tamén coñecida como 'A Carbonera'.
O estilo que caracteriza a obra de Segura Torrella
Segura utiliza o realismo mais cunha nova técnica e linguaxe renovada. Pinta a unha pescantina, que tamén asume a representación daquela mobilización popular que se desenrolou contra represión no Ferrol do 72. A técnica empregada supón a construción da figura humana a base de pinceladas enérxicas empregando as cores vivas, co que busca un retrato figurativo pero non fotográfico. Poderíase dicir que asume a estética de Francis Bacon, pero en clave galega. Bacon utilizaba panos de pintura, mentres que Segura busca multitude de pinceladas, para producir o horror vacui tan do gosto da arte atlántica, que nos emparenta cos países cun substrato céltico.
Tamén deste ano 1978 é o lenzo Hacia Finisterre. Dentro da pintura galega, destacará como un fito da arte realista. Retrata a Galiza dos anos 70. Unha furgoneta con mulleres e nenos –os homes están na emigración– que van á praia cos seus sachos a mariscar. As miradas son elemento esencial do cadro. Traspasan o lenzo intimidando ao espectador. Sete persoas sosteñen a súa mirada a quen rompe a súa intimidade. Cada un dos personaxes está a inquirir ao público. O ton do cadro está dominado polo azul, remitíndonos á cor dos buzos que os obreiros da Bazán vestían naqueles anos. No seu cadro Queremos turrón do ano 1979 apréciase o seu lado de crítica social, que Segura foi adiando ata despois de morto Franco. Teño para min que foi un pintor que se reprimiu e non manifestou na súa arte todo o que pensaba, debido a vivir no Ferrol dominado pola caste militar franquista.
Hai outros Seguras, pero penso que a súa achega á pintura galega será valorada non só pola súa mirada a unha parte da sociedade que non se reflexa na arte, senón tamén pola linguaxe como a pinta –símbolo do inconformismo– dun expresionismo de fortes pinceladas, cheas de cor.