Ribadavia divulga o legado do arqueólogo Manuel Chamoso Lamas
O Museo Etnolóxico de Ribadavia (O Ribeiro) acolle desde esta sexta feira a exposición Manuel Chamoso Lamas na mirada, unha mostra que ofrece un percorrido gráfico pola vida e traballos deste historiador e arqueólogo. A iniciativa, que parte dun proxecto elaborado polo IES Manuel Chamoso Lamas e foi elaborada polo Centro de Estudios Chamoso Lamas, procura dar a coñecer a súa función de xestión, investigación e protección do patrimonio cultural durante o franquismo.
A proposta componse de trinta paneis con fotografías de escavacións arqueolóxicas e diferentes espazos patrimoniais das comarcas do Carballiño e do Ribeiro nas que Chamoso Lamas tivo unha intervención decisiva como comisario do servizo de defensa do patrimonio artístico, e como personalidade vinculada a diferentes institucións e entidades relacionadas con esta mesma temática.
O coordinador da mostra, Raúl Gómez, explica a Nós Diario que a idea partiu de querer “revisitar os traballos que realizou Chamosos Lamas nas zonas do Ribeiro e o Carballiño”. Para iso preparouse un proxecto competencial “baseado na fotografía” a través do cal empregaron algúns dos seus traballos e “durante un ano visitamos os mesmos lugares que visitou el para pór en valor o seu traballo”.
Por parte do Centro de Estudos Manuel Chamoso Lamas achegouse para a exposición numerosa documentación e libros deste investigador. Un dos seus membros, Juan Manuel Rodríguez, foi tamén profesor do IES e tratou en múltiples ocasións a obra de Chamoso Lamas. "O proxecto fotográfico conflúe co club de lectura que tivemos no centro durante dous anos", indica a Nós Diario. A exposición contou, ademais, co asesoramento do historiador Xosé Luis Sobrado, "un profundo coñecedor da obra de Chamoso" e tamén coa do investigador Felipe Senén López, "un dos primeiros promotores nos anos 90 de todo o seu legado" que facilitou material da Real Academia de Belas Artes.
Na inauguración esta sexta feira tamén estiveron presentes a filla e da neta do homenaxeado, Ángeles Chamoso e Cristina Eisermann, que tamén realizaron unha doazón de materiais da súa colección particular. O museólogo e antropólogo Felipe Senén López sinala a este xornal que esta é unha mostra "necesaria" que recupera o nome dun "estudoso e traballador polo patrimonio cultural da Galiza en anos de ditadura".
O antropólogo Felipe Senén López salienta que Chamoso foi "o creador de museos como o das Peregrinacións, en Compostela, ou o do Mar, na parroquia de Combarro, en Poio" mais "tamén do do viño, en Ribadavia". Por último, lembrou que foi "alumno de Castelao e veciño de Losada Diéguez".
Conservar o patrimonio
Nado na Habana, Manuel Chamoso Lamas instalouse coa súa familia de novo na localidade de Boborás (comarca do Carballiño), a súa terra de orixe. Estudou en Madrid Dereito e Filosofía e Letras, doutorándose en 1933 cunha tese sobre o barroco na Galiza.
Distinguiuse polo seu traballo na conservación e restauración do patrimonio galego, sendo fundador e director do Museo das Peregrinacións e de Santiago e presidente da Real Academia de Belas Artes da Coruña, contribuíndo cos seus estudos a afondar no coñecemento da arte relixiosa galega, nomeadamente a relacionada coa catedral compostelá.