Administracións e familia ultiman un acordo sobre o legado do pintor

O retorno de Maside a Compostela

'Lavandeiras (de Galeras, de Compostela)' (1953), óleo sobre lenzo pertencente ao legado de Carlos Maside.

Nena con galo (Estreliña no ceo), un retrato en tinta chinesa sobre pergameo debuxado en 1926, e o bodegón Mesa de cociña, óleo sobre lenzo de 1957, servíronlle a Carlos Maside para delimitar a súa vida como pintor. Esas dúas e outras 29 pezas escollidas por el mesmo conforman o seu testamento artístico, que agora procura acomodo institucional na que foi a súa cidade, Santiago de Compostela.
 

“Trátase do conxunto de obras que elixiu o propio Carlos, o máis representativo da súa obra”, explica o seu sobriño neto, Xulio Maside, “quixo que esa pequena colección non se dispersase e estivese a disposición do público”. Tres acuarelas, dous pasteis -un sobre papel e outro sobre lenzo-, dúas tintas chinesas sobre pergameo, tres gouaches -técnica asentada na augada-, e 21 lenzos compoñen a autoantoloxía de Carlos Maside (San Xulián, Pontecesures, 1897 – Compostela, 1958).

 

O legado permaneceu depositado no Concello de Vigo durante décadas. O museo municipal Quiñones de León, no parque de Castrelos, expuña apenas unha parte dos traballos. Á morte de Maside, os seus testamenteiros non atoparon lugar en Compostela e chegaron a un acordo con Vigo. Aquel acordo rematou en litixio e na retirada dos cadros. “A idea foi sempre levalos a Compostela”, indican fontes da familia.

 

Durante algúns anos, tampouco en Compostela atoparon complicidades nas administracións. Ate a alcaldía de Ángel Currás, un dos tres alcaldes do Partido Popular que pasaron por Raxoi a pasada lexislatura. Daquela, o concello da capital alugou a escolma durante dous anos e amosouna ao público na Casa do Pozo. Nesa mesma época activouse a Plataforma Cidadá Carlos Maside para pular polo retorno do seu testamento pictórico a Santiago.

 

A mudanza política no concello -asumiu a alcaldía Martiño Noriega, de Compostela Aberta- e na Deputación da Coruña -cuxa vicepresidencia e departamento de cultura dirixe Goretti Sanmartín, do BNG- acelerou os trámites. “Estamos á espera da decisión final do convenio entre administracións”, sinala Asunción Leiceaga, portavoz da plataforma, “e nós nacemos unicamente para apoialas a que desen o paso”.

 

A falta da implicación da Xunta -Leiceaga afirma que non se puxeron en contacto coa familia Maside- parece agora mudar, segundo indican fontes coñecedoras da negociación. O máis importante dos flocos soltos reside no lugar que acollerá as pinturas. “Para nós, o ideal sería a Casa da Parra”, engade Leiceaga, “facer alí un Museo Maside, moito máis que este legado”. Logo de anos alugado pola Xunta como museo para exposicións temporais, o emblemático edificio da praza da Quintana de Santiago regresou ao seu propietario, o Ministerio de Emprego e Seguridade Social, que o mantén pechado.

 

“O único que ten claro a familia”, esténdese a representante da plataforma, “é que non quere que os cadros vaian para o Gaiás”. Concello e deputación agardan que o destino das 31 pezas se resolva ao longo de 2018.

 

A modernidade fanada polo fascismo


Carlos Maside foi un actor central na renovación da pintura galega da etapa republicana. “Intelectual comprometido e artista clave”, resume a crítica Mercedes Rozas no limiar ao catálogo Maside en Compostela. O testamento pictórico do mestre, que recolle reproducións do legado. Canda Seoane, Arturo Souto ou Colmeiro, propulsaron as raíces nacionais cara ao futuro. O fascismo fanou aquela xeración.

Maside non marchou. Despedírono do seu emprego de profesor en Vigo e inhabilitaron para a docencia. O réxime emanado do 18 de xullo prohibiulle participar en catividades culturais públicas. O exilio foi interior. Só na década dos cincuenta comezaría a re emerxer. Así llo contaba en carta a Seoane, citada polo ensaísta Antón Baamonde en Maside en Compostela: “Desde hai algún tempo sinto renacer en min un intenso fervor espiritual que me liberou do longo marasmo que as circunstancias externas e as miñas persoais facían pesar sobre min”.

 

Foi nese tempo rouco cando dispuxo o seu testamento artístico. A muller sentada (1930), Tenda (1936) ou Os noivos (1956) son pintura figurativa, inevitabelmente atravesada polo expresionismo e o cubismo -os dous movementos determinantes naquela nova pintura galega. Lavandeiras (de Galeras, en Compostela) (1953), o cadro preferido do seu sobriño Xulio -tamén recoñecido pintor-, funciona como poética: os traballos das humildes, a súa dignidade, a cor é a resistencia contra a opresión existencial.

 

Nota: reprodución do cadro Costureira (1945), pertencente ao legado e fotografía de Carlos Maside antes de 1936.

 

Nota: nunha primeira versión deste artigo afirmábase erroneamente que Xulio Maside é neto de Carlos, cando en realidade é sobriño neto. O seu pai, o pintor Xulio Maside, é sobriño de Carlos, e non fillo..