O Resurrection Fest 2019 xa ten datas e primeiras confirmacións: de 3 a 6 de xullo e con Parkway Drive e Testament
12 de setembro de 2018 (17:56 h.)
O Resurrection Fest, un dos festivais punteiros a nivel europeo, xa ten datas en 2019 para asulagar un ano máis Viveiro de música metal, crossover, new hardcore, e un amplo abano de estilos máis. Será entre 3 e 6 de xullo.
A organización deu a coñecer a través das redes sociais algún dos nomes das primeiras bandas confirmadas: Parkway Drive, Trivium, Testament, Kvelertak e While She Sleeps. En varios casos serán a única oportunidade de velas no Estado español e Portugal.
O ‘Resu’ volverá contar con máis dun cento de bandas e catro escenarios na súa edición de 2019, que fará a número XIV. As entradas poranse á venda a segunda feira, 17 de setembro.
A edición de 2018 trouxo até A mariña a máis de 80.000 persoas.