A relixión en Castelao
Indicamos nun artigo anterior que se bota en falta no filme Antes de Nós unha maior matización e profundidade na imaxe do Castelao esencial. Quizais unha loita local contra caciques por un hórreo sexa algo pintoresco aos ollos de España, mais algo que non reflicte a dimensión política que xa existe nel nesa altura. Non se trata dunha controversia entre especialistas con coñecemento da dimensión, senón da percepción que poida ter o público que se achega a Castelao. Un Castelao que se persigna dúas veces pode parecer un santón, un fervente católico aos ollos da xente, cando, en realidade foi alguén, moi discrepante e crítico con tal ortodoxia. Por outro lado, aparecen no filme pobres de pedir ás portas da igrexa, na liña do "Tembra un neno no húmido pórtico" de Rosalía, porén falta o retrato dese interior que non padece a miseria e que Castelao desvendou tan ben.
Igrexa
Cómpre considerarmos tres elementos: a Igrexa como institución, os seus representantes na terra e a práctica relixiosa como tal. Castelao someteu a severo escrutinio e crítica os tres. Non só o Castelao da plenitude política, tamén o Castelao que empeza a pintar cadros aos 20 anos na primeira década do século. Non coñezo pintor galego que o fixese en tantas obras. E creo que as creacións artísticas son o mellor espello para coñecermos o pensamento dun autor. A Igrexa e os seus representantes son caricaturizados no seu papel soberbio e pouco edificante, xa desde o primeiro momento. Cregos ben cebados que representan o poder e aos que reverencian os labregos. O Castelao, mozo pintor, observa desde dentro. Voluminosas autoridades eclesiásticas, xunto con outras civís e militares, todas masculinas (o pobo mira desde os soportais), que van en procesión co Matamouros (1908). Cregos de aspecto demoníaco (Ouzande) con mans de ave de presa e orellas aguzadas como os caciques (a política e a relixión están en mans do demo); cregos que se evaden do real por medio de substancias narcóticas (O asceta, 1921)... O debuxo do "matamouros" (1923), simbiose de clericalismo e militarismo...
Para Castelao a nai de todos os imperialismos foi o relixioso
De 1914 son dúas alegorías (Galiza durme e Moza con cabuxa), de elementos case simétricos, que representan o papel de espolio e dominación allea que a igrexa exerceu sobre nós. O obxectivo de desacougar "as amas de cría do caciquismo" faise explícito nas estampas de Nós, moitas delas de contido iconoclasta. A felicidade (49): un crego coas mans sobre o bandullo botando a soneca, alleo aos problemas. Un demo xigante mira con lupa un mundo reducido (48). A verdade (45): indixentes ás portas do templo (noutra versión anterior: "A verdade está fóra"). Na 13 (Dous vellos amigos: os foros e as oblatas), fidalguía e clero son definidos polo beneficio, non por procuraren solucións ao empobrecemento do país...
Relixiosidade popular
De certo houbo tensións coas autoridades eclesiásticas e intermediarios. Curiosamente a estampa que falta no Álbum para completar as 50 reflicte un cadro moi crítico co afán lucrativo da Igrexa, fomentando crenzas no sufrimento das almas a partir da súa situación de poder sobre o pobo. "Oxe toca ánima" reflicte unha muller depositando axuda no peto de ánimas, ás portas da igrexa, en vez de darlla ao pobre que pide enfronte. Censura ou autocensura? Lonxe fica a Igrexa dos Evanxeos, do "tiven fame e déchesme de comer". Outros debuxos que sufriron censura son os bocexos para un futuro cadro dunha monxa preñada de caveiras que figuraba no Diario.1921. Tamén o sería, entre outros, a súa caricatura do "clericalismo" do Sempre en Galiza...
Ao longo de toda a súa vida criticou con dureza o fariseísmo da igrexa, as montaxes mercantilistas dos santuarios. Duro foi coa igrexa convertida en axente do imperialismo "castelán", a ganzúa que serviu de desgaleguización do país. Para Castelao a nai de todos os imperialismos foi o relixioso. O "clericalismo" que forma parte do tridente imperial e provoca inxerencias na vida política. O imperialismo que xustifica a barbarie do 36 ("Queiman, rouban e asasinan no teu nome"; "Todo pola patria, a familia e a relixión") etc.
O cristianismo de Castelao está baseado na comprensión da relixiosidade popular (cruces) no que simbolicamente ten de analoxía co sufrimento das clases desfavorecidas, de único amparo dos pobres e de aspiración redentora do mundo dos oprimidos. Un cristianismo de liberación, sui generis, iconoclasta, de tendencia panteísta e priscilianista. Ao final da súa vida especulaba cunha relixión salvadora da humanidade, aínda por vir.