O Reino da Galiza sobe á escena en Mesía e Moeche
A compañía teatral Galeatro vén de pór en marcha, co apoio da Deputación da Coruña, o proxecto 'Reino de Galicia á escena', un festival histórico-teatral que ten como obxectivo dinamizar espazos de gran valor patrimonial, dar a coñecer a historia do país e sacar as artes escénicas dos seus recintos de exhibición habituais. O evento desenvolverase o 5 de setembro no castelo de Moeche (Ferrolterra) e mais o día 12 na fortaleza de Mesía (comarca de Ordes).
O programa de actos arrancará cunha visita dramatizada a eses dous espazos guiada polo docente e historiador Hadrián García Pérez, quen explicará a historia destes dous recintos e a súa vinculación coa dialéctica política e social do Reino da Galiza, o primeiro xurdido no continente europeo na Idade de Media por volta do século V e que se mantivo como realidade diferenciada dentro do espazo peninsular até o século XV.
'Arte sen guión'
Unha vez rematada a exposición de Hadrián García porase en escena a montaxe escénica coproducida por Galeatro xunto á Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego Arte sen guión, que segundo explican os promotores do proxecto parte da pregunta sobre a existencia do teatro medieval en galego, que durante o desenvolvemento da obra tentarán responder empregando as ferramentas da improvisación contemporánea.
O elenco da obra, conformado por Alba Bermúdez, Tone García, Miguel Canalejo, Nacho Martín e Alba Nogueira, encarna catro comediantes que representan os entremeses recompilados nun estraño códice da Idade Media. Neste contexto, para encher as partes incompletas do mesmo, os actores e as actrices botan man do público para procurar, coa súa axuda, cubrir as lagoas que presenta o códice.
'Reino de Galicia á escena' sostense cun terceiro piar, centrado na difusión audiovisual a través das redes sociais. A actriz e xornalista Carlota Mosquera realizará diferentes pílulas divulgativas para difundir tanto a programación do evento coma diferentes aspectos históricos dos emprazamentos escollidos para esta primeira edición.
As pezas de Mosquera servirán de contrapunto virtual ás visitas dramatizadas de Hadrián García ao castelo de Moeche e mais á fortaleza de Mesía.