Redrum Teatro leva 'Sophie non é o meu nome de guerra' ao Teatro Colón
Redrum Teatro estreará o 23 de maio o espectáculo 'Sophie non é o meu nome de guerra' (Teatro Colón, 20 horas), unha adaptación do texto homónimo polo cal Roberto Pascual conseguiu en 2021 o Premio Rafael Dieste, certame bienal da Deputación da Coruña. Na presentación, esta sexta feira, ademais do autor participaron a directora do espectáculo, Laura Míguez; a actriz Alixa Ladson, quen xunto a Camille Hedouin protagoniza a peza, e a deputada de Cultura da institución provincial coruñesa, Natividade González.
Esta última trasladou a súa satisfacción ante a estrea desta obra distinguida co único galardón de textos dramáticos na Galiza que, ademais, trae aparellada despois a súa posta en escena.
O espectáculo traza desde as táboas unha viaxe emocional e xeográfica entre Camerún e A Coruña, un periplo vital duro no que a protagonista, Sophie, se enfronta á violencia da trata das mulleres, ás restritivas políticas migratorias e á hostilidade que agroma nos países de acollida.
Míguez definiu esta peza, baseada en feitos reais, como "unha proposta de concienciación" fronte á trata de mulleres e como unha vía artística para "visibilizar a inmigración forzada", e tamén "un alento para que persoas como Sophie conten a súa historia".
"Claros principios éticos"
Pascual, quen se estreou na dramaturxia con este texto, coincidiu con Míguez na importancia de achegarse cuns "claros principios éticos" a unha historia como esta que para el é "unha viaxe transformadora, vital, persoal e xeográfica" na que a aproximación á "diversidade cultural, tanto a do punto de partida como a do lugar de destino", ten un papel esencial.
"As historias ocultas serven para abordar o noso presente e a nosa realidade", sentenciou o dramaturgo antes de lle agradecer a Redrum que asuma este reto e de facelo cun grande equipo que inclúe, entre outras, a Atenea García na axudantía de dirección e As Dúas e Punto na iluminación e na escenografía.