A Rede Museística de Lugo abre os pazos de Tor e San Paio de Narla á cultura alimentaria

Intervención da chef Lucía Freitas, onte, no Museo Fortaleza de San Paio de Narla, en Friol. (Foto: Nós Diario)
'Cultura que dá luz' analiza a identidade e as desigualdades a través da gastronomía nunhas xornadas da Rede Museística de Lugo impulsadas pola área de Cultura da Deputación.

A cociñeira Lucía Freitas, do restaurante A Tafona, en Santiago de Compostela, foi a encargada de inaugurar esta terza feira no Museo Fortaleza San Paio de Narla, en Friol (comarca de Lugo) 'Encontros de Saberes: Cultura que dá luz', unha iniciativa da área de Cultura da Deputación da Lugo, a través da súa Rede Museística, que convida a reflexionar sobre  identidade, xénero e relacións de poder.

"Temos o programa 'Museoloxía Social. Saúde, cultura de paz e bo vivir. Cultura que dá Luz', co que vimos traballando a interseccionalidade das desigualdades desde hai moitos anos. Entendiamos que a través da gastronomía podiamos ver como se constrúe a identidade colectiva, como se revelan estruturas sociais e desigualdades ao longo da historia", explica a Nós Diario Encarna Lago, xerente da Rede Museística de Lugo.

Neste contexto, aproveitando os edificios da rede, as súas cociñas, coleccións e receitarios, a comida convértese nunha "canle" para interpretar a historia social do territorio galego, "mesturando saberes científicos e profesionais, mais tamén o produto".

Así, Freitas inaugurou a primeira xornada na fortaleza de San Paio de Narla cunha sesión de cociña aberta na que fixo unha demostración con receitas históricas recuperadas do arquivo da casa de Tor: lingua á escarlata, cordeiro asado ao espeto, empanadilla de carne e mesmo un gazpacho andaluz "que sorprende ver no arquivo pero que nos fala dos antergos do Pazo de Tor chegados de Murcia", sinala Lago.

O público degustou os pratos cociñados en distintas estancias do castelo e completou a súa participación mo encontro titulado 'A muller na construción da identidade gastronómica' contribuíndo coas súas propias receitas, nunha actividade de recollida de pratos tradicionais transmitidos por mulleres, mais tamén cunha mirada crítica ao papel da muller no ámbito da gastronomía, asunto dunha mesa redonda na que tamén se abordou a soberanía alimentaria, a creatividade e a invisibilidade histórica das mulleres. "Porque non é o mesmo ser muller, que muller de aldea, muller rica, pobre, migrante ou con discapacidade".

Desigualdade e memoria

'Cultura que dá luz' trasládase hoxe ao Pazo de Tor, en Monforte (Terra de Lemos), onde decorrerá un segundo encontro baixo o título 'A comida como marcador de clase social ao longo da historia', un convite máis a descubrir a dieta da nobreza e dos pazos, a alimentación nos conventos, os pratos das casas labregas e a pegada da migración na transformación da cultura alimentaria propia.

A idea é traballar o concepto de memoria e a comida como marcador social ao longo da historia non novas mesas e receitas para saborear "a cociña dos pazos, dos campesiños e da migración" en tres mesas que representan tres mundos difertes. No caso da mesa da "inmigración", apunta Encarna Lago, "trátase de facer pensa de onde veñen eses produtos". Esta cuarta feira o público asistente poderá degustar vasiños de gazpacho e pipas, humus de fabas e guacamole con mariñeiras, empañada de millo e mexillóns, espetiño de polbo, pataca e allada, arroz con leite, trufas de cacao e licor café...

A mesa pacega contará con moitos dos produtos que hoxe se venden e degustan baixo o selo Denominación de Orixe: queixos, pan, lacón, pita trufada, "que era o que comían sempre no Pazo de Tor polo Nadal". A mesa labrega encherase de pratos a base pataca, centeo e caldo; o que permitirá elaborar "pan de centeo, caldo de gloria, quixo de Arzúa-Ulloa, guiso de castañas e touciño, orella de porco á feira, galletas...

Ademáis dos sabores, os saberes deteranse nas desigualdades e na comida como marcador de clase. "Quen vivía nos pazos, como comía a fidalgía, como se elaboraban os pratos" fronte á comida e á coiña campesiña. Todo nuha mesa redonda na que, de novo, participarán persoas expertas do mundo da academia, a gastronomía e a cultura.