A Real Academia Galega de Belas Artes exixe "mérito e capacidade" e un perfil de "altísima especialización" na dirección do CGAC

A RAGBA define o CGAC como o "buque insignia da arte contemporánea galega". (Foto: Arxina)

O plenario da Real Academia Galega de Belas Artes (RAGBA) comunicou este 3 de xuño o acordo polo cal a institución se posiciona máis firmemente ante o polémico nomeamento da nova dirección do CGAC por parte da Xunta da Galiza.

A designación de Eva López Tarrío como nova directora do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) non só provocou unha mobilización sen precedentes no sector cultural, senón que agora suma o posicionamento crítico da Real Academia Galega de Belas Artes, que xa comunicara privadamente ao conselleiro de Cultura, segundo adiantou Nós Diario, a súa “preocupación” polas decisións que levaron a cambiar o mecanismo de elección da dirección do centro que, segundo a institución, supuña “Unha restrición contraria ao pulso que demandan o medio artístico e a sociedade”.

Nun acordo do plenario, a RAGBA, tras a sesión ordinaria celebrada o 30 de maio de 2026, manifesta a súa postura ante unha crise que mantén ao sector en pé de guerra.

"Altísima especialización"

No documento aprobado polo plenario, a RAGBA quere deixar clara a súa postura sobre o que o CGAC representa para o país, definíndoo como o "buque insignia que é da arte contemporánea galega". Por este motivo, a institución é tallante respecto aos requisitos que debe cumprir quen o dirixa. "Consideramos que a súa dirección require un perfil de altísima especialización, acreditada experiencia na xestión de museos de arte contemporánea e un proxecto curricular firmemente aliñado cos retos do sector", reza o documento.

Esta afirmación concorda coas denuncias do sector profesional, que sinalan que o currículo da persoa elixida pola Xunta conta cunha "escasa experiencia en comisariado e ningunha en dirección de museos".

A Academia apela directamente ao cumprimento de estándares profesionais que, segundo o sector técnico, foron ignorados nesta convocatoria ao modificarse a Relación de Postos de Traballo (RPT) para facilitar unha "libre designación" que os profesionais da arte tachan de "arbitrariedade". A RAGBA defende no seu acordo que “o acceso á dirección dos grandes contedores culturais debe rexerse estritamente polos principios de mérito e capacidade, seguindo os manuais de boas prácticas vixentes".

Aínda que recoñece a "competencia exclusiva" da Xunta de Galiza para esta elección, a Academia insiste en que dita facultade debe fundamentarse nos citados principios de mérito e capacidade, subliñando que a elección "debería desenvolverse sen ningún tipo de restrición".

O acordo finaliza cunha advertencia velada á Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude. A RAGBA asegura que, fiel ao seu compromiso coa "excelencia do tecido cultural", continuará traballando de maneira "vixiante" para asegurar que as políticas culturais galegas respondan aos "máis altos estándares de calidade e profesionalidade".