Crise no CGAC: o colectivo Vegliota pide a dimisión de Anxo Lourenzo
A designación de Eva López Tarrío como nova directora do Centro Galego de Arte Contemporánea (CGAC) non só abriu unha fenda institucional, senón que provocou unha mobilización sen precedentes no sector cultural. O que a Xunta da Galiza defende como un procedemento "legal e impecábel" é, para a Asociación Cultural Vegliota -promotora do manifesto Se afunde é porque pésa: SÓS CGAC, asinado xa por máis de 1600 persoas da cultura-, a culminación dunha estratexia de control político e desmantelamento técnico. Nunha extensa entrevista de Nós Diario con oito dos seus integrantes, o colectivo refuta os argumentos que estes días esgrimiron diferentes representantes da Xunta, incluído o Presidente Rueda.
Os integrantes de Vegliota explican que a asociación non xurdiu da nada neste conflito, senón que ten as súas raíces en procesos de mobilización anteriores. O colectivo naceu formalmente arredor do ano 2021, pero é herdeiro dunha serie de reunións de urxencia iniciadas en 2019. Aquelas primeiras sementes plantáronse como resposta á disolución do Padroado do CGAC, que foi substituído por un Consello Asesor con funcións moito máis limitadas.
A asociación defínese como un corpus plural e interxeracional que aglutina a profesionais de diversos ámbitos: desde a crítica de arte e o comisariado até artistas, historiadores, xestores e especialistas en mediación cultural. Durante moito tempo, Vegliota estivo centrada en recompilar materiais e textos sobre a arte galega para fomentar a conciencia crítica. Porén, a situación actual funcionou como un resorte que "destapou a caixa" que xa tiñan preparada, obrigándoos a saír ao espazo público cun manifesto que, para sorpresa de todos, acadou un impacto masivo e transversal. Subliñan que o seu interese principal non é o protagonismo individual, senón "a defensa da arte contemporánea e do rigor institucional na Galiza".
O empecinamento da Xunta
Ante a pregunta de por que a Xunta de Galiza mantén un nomeamento que xerou un rexeitamento tan unánime, os membros de Vegliota amosan a súa perplexidade. Consideran que a actitude dos representantes políticos, especialmente nas súas declaracións públicas, denota unha "chulería" e un "descaro" impropios de cargos institucionais. Segundo o colectivo, a Xunta intenta impoñer unha narrativa na que se pretende que as críticas proceden das persoas non elixidas, cando a realidade mostra un acordo transversal que inclúe a persoas de todas as ideoloxías, xeracións e sectores.
O colectivo apunta a unha certa "inconsciencia" por parte do Goberno galego ao non entender a gravidade do asunto, "especialmente cando organismos internacionais de peso como o Comité Internacional para Museos e Coleccións de Arte Moderna xa se pronunciaron contra o proceso".
Para Vegliota, o sector está máis unido que nunca, "superando vellas discrepancias internas" ante o que considera "un ataque á cultura galega". Cren que a Xunta non agardaba unha resposta tan contundente e agora vese atrapada nunha fuxida cara adiante, tratando de minimizar a protesta como se fose cousa de "catro resentidos", un argumento que queda invalidado polo apoio da práctica totalidade das asociacións sectoriais, das universidades e de profesionais da Galiza e de todo o Estado.
Un dos puntos máis controvertidos nas declaracións da Xunta é a afirmación de que a convocatoria non se podía facer doutro modo por imperativo legal. Vegliota refuta esta tese categoricamente, apoiándose na análise técnica de expertas como a avogada Ania González. Explican que se creou unha "arquitectura legal" específica para xustificar o que non é máis que unha decisión política.
Malia que a Xunta se escuda na Lei de Emprego Público da Galiza, o colectivo sinala que "a libre designación é unha potestade limitada, pero non unha obriga". E lembra que se modificou a Relación de Postos de Traballo (RPT) de xeito deliberado, contradicindo o artigo 21.2 da propia Lei de Museos da Galiza, que esixe que estas prazas sexan ocupadas por funcionarias de carreira da escala facultativa superior ou do corpo de museos. "Non se pode confundir discrecionalidade con arbitrariedade", afirman con rotundidade.
Para Vegliota, esta manobra só busca facilitar a designación dunha persoa allea ao perfil técnico e museístico que require unha institución da importancia do CGAC, convertendo a súa dirección nunha "extensión política" da Consellaría.
O perfil da nova directora
No que respecta á resolución da convocatoria, os membros da asociación cuestionan duramente que se cualifique o currículo de Eva López Tarrío como o "mellor" ou o "máis completo". Contrastan as tres páxinas do currículo público da persoa elixida coas traxectorias de candidatos que se fixeron públicos, como Susana Cendán ou Alberto Ruiz de Samaniego, cuxos méritos e experiencia en xestión de centros de arte son obxectivamente superiores. E aclaran: "nin Cendán nin Ruíz de Samaniego pertencen a Vegliota".
Denuncian que o currículo de López Tarrío conta cunha escasa experiencia en comisariado e ningunha en dirección de museos, ademais de presentar certas imprecisións en datas e funcións en proxectos pasados. Para o colectivo, "a elección non responde a criterios de mérito e capacidade, senón á vontade de colocar a alguén cen ferramentas para contestar as inxerencias do poder político".
Por outro lado, Vegliota desminte rotundamente que exista diálogo co sector por parte da Consellería de Cultura. Aseguran que as afirmacións do Director Xeral e do Conselleiro sobre esta suposta comunicación son falsas, "xa que a Consellería ignorou sistematicamente os comunicados e as peticións de reunión enviadas por múltiples entidades desde que se anunciou a convocatoria".
Lembran que esta falta de escoita non é nova: xa no ano 2021 a Lei de Museos foi cuestionada sen éxito, e as propostas remitidas pola Mesa das Artes da Galiza nunca recibiron resposta. Neste sentido, consideran que a participación nun suposto "plan director" futuro "non é máis que unha manobra de distracción" nun proxecto do que o sector técnico e profesional xa foi excluído de facto.
Igualmente, sorpréndese de que a Xunta afirme que o CGAC "xa foi independente e non funcionou", cualificando isto de falsidade, xa que "desde a súa orixe foi unha unidade administrativa dependente da Consellaría".
Independencia e turismo
Outro dos eixos da protesta é o que Vegliota define como o intento de supeditar o CGAC ás estratexias de promoción turística e ao Xacobeo. Denuncian un uso "propagandístico" do termo internacionalización, lembrando que "o centro leva traballando nese nivel desde hai máis de trinta anos".
Para a asociación, o perigo reside en converter un museo que é patrimonio do país e un centro de investigación nun "monocultivo destinado ás estratexias de promoción turística". Rexeitan que a programación deba estar condicionada polo turismo cultural, xa que a función primordial do CGAC é estar ao servizo da cidadanía e da creación contemporánea innovadora e crítica, non ser unha "panca de proxección exterior" baleira de contido técnico.
O papel de Anxo Lorenzo
Finalmente, Vegliota -que prepara un novo comunicado de resposta á Xunta da Galiza- sinala o director xeral de Cultura, Anxo Lourenzo, como o principal responsábel do que consideran un "desmantelamento paulatino e planeado" das institucións culturais galegas. Afirman que Lourenzo leva máis dunha década utilizando o seu poder para decidir unilateralmente sobre todos os ámbitos, desde a lingua até as artes escénicas.
O colectivo sostén que Lourenzo "non é un interlocutor válido" para o sector porque arrastra unha responsabilidade institucional acumulada en crises previas e na ruptura do consenso. Por este motivo, non só piden a anulación do nomeamento no CGAC, senón a dimisión inmediata do Director Xeral como condición necesaria para poder estabelecer, por fin, unha canle de comunicación real e honesta coa Consellería de Cultura. Conclúen que o que está en xogo non é só un posto de dirección, senón "a credibilidade mesma do sistema cultural galego ante o mundo".
Unha mostra de Picasso para distraer da manobra?
Nos círculos relacionados coa arte contemporánea, corre o rumor dunha futura exposición con obra de Picasso no CGAC, comisariada polo crítico e curador Antón Castro cun orzamento que superaría o millón de euros. Este punto é cualificado por Vegliota como un "escándalo desproporcionado" e unha manobra de distracción política. Nun contexto de recortes constantes nas axudas ao sector, os membros do colectivo denuncian que o orzamento habitual para unha exposición de rigor no centro non debería superar os 100.000 euros. "Cando se viu iso na Galiza?", preguntan con ironía, comparando esta estratexia coa que seguiu á destitución de Gloria Moure nos 90, cando se programou unha mostra sobre o sempre popular impresionismo para acougar as críticas.
O nome de Antón Castro sitúase no centro da polémica. Vegliota denuncia un flagrante conflito de intereses. Castro forma parte do Consello Asesor que debe validar as decisións do centro –é un dos membros do Consello Asesor que non dimitiu–, mais tamén foi o director da tese de López Tarrío e aparece vinculado a gran parte dos méritos do currículo desta. "A persoa elixida é unha pupila súa; que el participe no proceso é un escándalo", afirman.
Ademais do custo económico, Vegliota cuestiona o rigor científico da mostra, lembrando que "Castro estivo vinculado no pasado a exposicións que incluían obras postas en dúbida". Para o colectivo, utilizar Picasso como reclamo é unha forma de "turismo cultural" que ignora a verdadeira misión do CGAC e serve para "engordar cifras" de visitantes. Consideran que sería un uso ilexítimo do diñeiro público para lexitimar un modelo institucional que o sector profesional xa rexeitou de plano.