“Decidimos facer este proxecto para rescatar esas mulleres que ao longo da historia permaneceron invisibilizadas e facerlle un sitio”

2016122717252524105

Rosalía de Castro e María Victoria Moreno abren a colección de libros infantís ‘Mulleres bravas da nosa historia’, abrigadas por Urco Editora. Falamos con Andrea Jamardo, coordenadora da colección.

Xa podemos encontrar nos andeis das nosas librarías os dous primeiros exemplares da colección de libros infantís ‘Mulleres bravas da nosa historia’, con Rosalía de Castro e María Victoria Moreno como protagonistas principais. Unha colección diferente, con filtro lilás, para as crianzas leren e aprenderen ao tempo que gozan con divertidas actividades. Quixemos coñecer máis en profundidade como xurdiu esta nova colección e para iso conversamos con Andrea Jamardo, coordinadora do proxecto.

"Decidimos facer este proxecto para rescatar esas mulleres que ao longo da historia permaneceron invisibilizadas e facerlle un sitio”

- ‘Mulleres bravas da nosa historia’ é unha colección de libros infantís orientados a dar a coñecer ás crianzas unha serie de mulleres exemplares da historia de Galiza, como xurde a idea?

- A colección ‘Mulleres bravas da nosa historia’ xurde desde Urco Editora en colaboración coa libraría de mulleres Lila de Lilith porque considerabamos que a sociedade actual galega necesitaba unha colección deste tipo para as crianzas. Mais a verdade é que se trata dun proxecto no que está involucrada moita xente, non só Urco ou a libraría Lila de Lilith. Temos unha comisión de xénero na que participa a propia propietaria da libraría, Patricia Porto, que é educadora social, e María Mariño, técnica da Comisión de igualdade do Consello da Cultura Galega. Teño que dicir que neste proxecto todas as persoas que participan son mulleres: as escritoras son mulleres, a ilustradora, Eva Agra, a correctora lingüística, Raquel Vila Amado...

“Consideramos que  a María Victoria non se lle recoñeceu a súa labor como docente, como editora e como escritora”

Decidimos facer esta colección coa finalidade de rescatar e traer á actualidade esas mulleres que ao longo da historia permaneceron invisibilizadas, e tamén para darlle unha voltiña ás que xa coñeciamos como é o caso de Rosalía de Castro. Porque Rosalía é a nosa poeta máis senlleira e máis coñecida, e inda que é certo que agora se están facendo outros estudos desde outra perspectiva sobre a autora, vimos que non había libros para crianzas. No caso de María Victoria Moreno cabe recoñecer que foi unha das primeiras en incorporar personaxes femininas como protagonistas na literatura infantil e xuvenil galega. Mais sempre que se fala dos primeiros escritores de literatura infantil e xuvenil en Galiza, fálase de homes, como Neira Vilas. Por iso consideramos que a María Victoria non se lle recoñeceu a súa labor como docente, como editora e como escritora.

“O que procuramos é recuperar as que ao noso parecer non se lle dou o seu sitio, darlle visibilidade e facer biografías desde outra perspectiva, usando os lentes lilás, porque queremos libros para crianzas que estean libres de diferenzas por xénero, clases, relixión”

Entón o que procuramos é recuperar as que ao noso parecer non se lle dou o seu sitio, darlles visibilidade e achegar biografías desde outra perspectiva, usando os lentes lilás, porque queremos libros para crianzas que estean libres de diferenzas por xénero, clases, relixión... Porque o noso xeito de mudar o mundo é a través da literatura. Vivimos nun mundo caótico, convulso e este é o noso xeito de cambiar un pouco as cousas. As crianzas van crecer con estes libros, que ademais teñen actividades.

- Para botar a andar o proxecto primeiro lanzastes unha campaña de crowdfunding, como sentiches a experiencia?

- Coa campaña conseguimos a cantidade que precisabamos en tres días  practicamente. Desde Urco pensabamos que había unha necesidade de lanzar unha colección deste tipo e a xente deunos a razón. No momento en que sacamos a campaña as persoas comezaron a partillar a iniciativa polas redes sociais, entón, sentímonos arroupadas porque non eramos nós soas as que pensabamos que era necesario este proxecto. Conseguimos máis financiamento do marcado e agora xa estamos traballando nos vindeiros números que sairán trimestralmente, se todo vai ben.

Agora estamos enviando os primeiros exemplares ás persoas que participaron e que axudaron no financiamento de ‘mulleres bravas’. Resulta moi gratificante que a xente comparta con nós esta experiencia, que nos envíen as fotografías e todo. É un proxecto coral no que participa moita xente e que fose un crowdfunding fai que a colección sexa de todas.

Así mesmo, agradécese moitísimo a todas as persoas que apoian e que apoiaron este proxecto. O apoio que recibimos das librerías foi moi importante, como a libraría Suévia, da Coruña. A libreira da Suévia é unha persoa que axuda en todos os proxectos nos que pode, ela involúcrase moito. E tamén é de agradecer ter unha resposta así desde os libreiros, que ao fin e ao cabo van ser os que vendan os libros.

É un proxecto coral no que participa moita xente e que fose un crowdfunding fai que a colección sexa de todas”

- As biografías das ‘mulleres bravas’ están escritas por diferentes mans, cada unha mantendo o seu propio estilo. A Rosalía de Castro achéganos María Lado e de María Victoria Moreno encárgase Eli Ríos.

- Escollemos autoras distintas para que cada unha lle dea o seu toque persoal, senón sería un pouco aburrido. Mais escoller as autoras que pensabamos que podían facer parte do proxecto tamén foi complicado.

Comezamos a colección con María Lado e Eli Ríos. As dúas teñen contos infantís, son poetas... De feito fomos nós as que lle propuxemos facer os textos. A María Lado suxerímoslle que fixese un sobre Rosalía, e a Eli Ríos  sobre María Victoria Moreno. Eli Ríos enviounos o primeiro borrador aos tres días. Ela xa traballara coa figura de María Victoria Moreno, nunha homenaxe que xa lle fixeran no II Día das Galegas nas Letras desde a plataforma A Sega, da que tamén fai parte. De feito, a contracapa deste libro é tirada da homenaxe que A Sega lle fixo a María Victoria Moreno. Nós quixemos que esa homenaxe tamén estivese presente no libro e a ilustradora baseouse nun vídeo dese tributo.

- As ilustracións, deseñadas por Eva Agra, compóñense de cores vivas, lilás, debuxos animados, achegando unha imaxe fresca e xovial da colección e das protagonistas que a compoñen.

- Eva Agra é a ilustradora de toda a colección e teño que dicir que foi ardua tarefa atopar unha ilustradora que nos convencese porque hai moitas, está claro, mais queriamos algo un pouco distinto, que marcase diferenza. Con ela conseguímolo e a verdade é que estamos moi contentas por iso. O comentario xeral é moi positivo, as ilustracións son acaídas para as crianzas porque moitas veces fanse libros para peques pero as ilustracións parecen máis para adultos...

“Maruja Mallo, Xulia Minguillón e Pepa Noia serán as próximas ‘mulleres bravas’”

- E cales serán as próximas ‘mulleres bravas’ da colección?

Estamos traballando nunha terceira publicación sobre Maruja Mallo, con Elvira Ribeiro escribindo o texto; sobre Xulia Minguillón, pintora galega descoñecidísima que estivo exiliada, a cargo de María Reimóndez; e sobre Pepa Noia, da man de Ledicia Costas.

Mais temos unha lista bastante extensa e hai moita xente que xa nos escribe ofrecéndose para a creación dos textos, para dar máis nomes e todo. Somos unha editora pequena e isto agradécese moito.

A colección ‘mulleres bravas na nosa historia’ está coordinada por Andrea Jamardo Seijo, de Urco Editora, e conta cun comité conformado por Patricia Porto Paderne (educadora social e libreira experta en xénero) e Mariám Mariño (Técnica da Comisión de Igualdade do Consello da Cultura Galega). Igualmente, a revisión lingüística dos textos correrá a cargo de Raquel Vila Amado (traballadora do ILG e correctora profesional). Por outra banda, as ilustracións de todos os libros son de Eva Agra e o texto é de diferentes autoras galegas como María Lado, Eli Ríos, Elvira Ribeiro, Ledicia Costas, María Reimóndez…