TVE ofreceu nos meses pasados “Slomo” a diversas produtoras.

Quen está detrás da proposta de Chanel?

A cantante cubano catalá Chanel Terrero. (Foto:Europa Press)

O trunfo de Chanel non sorprendeu no negocio musical. A canción finalmente triunfadora do festival de Bedidorm foi ofrecida nos meses pasados por TVE a diferentes plataformas sen éxito. Aínda así e malia o rexeitamento do público saíu vencedora.

Chanel Terrero entra no perfil ideolóxico do que manda no Estado español. Unha filla do exilio cubano, criada en Catalunya pero español falante e ligada ao mundo madrileño do negocio musical.

Malia que non se lle coñecen declaracións políticas públicas, fontes do sector das produtoras sinalan a Nós Diario que “o exilio cubano de Miami ten un grande peso no mundo da música, até o punto que non hai artista latino que desexe triunfar no mercado americano que non deba pasar polas súas mans. Este exilio é dun anticastrismo visceral e Chanel pode ser presentada como “outra vítima” do réxime cubano”.

Catalunya continúa marcando a axenda política no Estado. En plena ofensiva contra as políticas lingüísticas da Generalitat unha opción como a de Chanel non ten fallo. Cantante en español, persoa cosmopolita, muller que ten que marchar a Madrid para desenvolver a súa carreira artística e un exemplo de convivencia equilibrada entre dúas identidades que se complementan.

O mundo da industria musical madrileña

O mundo de Chanel é o da industria musical madrileña conectada ao mercado americano polas produtoras estadounidenses e moi particularmente con aquelas ligadas á musica latina con sede en Miami. Tanto é así, que o groso da súa traxectoria musical desenvolveuse no campo das grandes producións de musicais, onde destacan empresarios como Nacho Cano, antigo compoñente do grupo Mecano e persoa ligada ao PP.

O nome de Chanel apareceu no reparto de montaxes musicais como “Mamma Mia!”, ‘El Rey León’, ‘Nine’, ‘Flashdance’, ‘El guardaespaldas’ ou ‘Fiebre Hamilton’, sempre cun papel secundario e sen ningún tipo de destaque. Ao tempo, fillo aparicións esporádicas nalgúns capítulos de series televisivas e nalgúns programas de entretemento.

A cantante cubano catalá coincidiu nun destes programas, concretamente en “OT” e “Tu cara me suena”, con Miryam Beneditet coreógrafa  empresaria é un dos tres membros de nacionalidade española do xurado do festival de Benidorm que castigou co seu voto ao grupo galego Tanxugueiras.

Un xurado baixo sospeita

Benedited é unha significada representante desa industria musical con sede en Madrid e non agocha a súa relación con Chanel. As mostras da relación dun é outra pódense seguir en múltiples fotos partilladas por ambas nas redes sociais.

A ligazón de Benedited con Eurovisión vén de vello. Sen ir máis lonxe, na edición de 2015 do festival encargouse da actuación de Edurne que rematou no posto 21 responsabilizándose noutros momentos das coreografías dos representantes españois, sempre con estrepitosos fracasos. 

A candidatura de Chanel está promovida pola grande produtora estadounidense BMG. A súa peza  “Slomo”  foi composta por Keith Harris, un dos grandes empresarios da industria discográfica e Leroy Sánchez, compositor do tema de Blas Cantó, que cun rotundo fracaso representou o ano pasado ao Estado español en Eurovisión.

O negocio das produtoras

As fontes consultadas por Nós Diario sinalan que o negocio destas compañías está en colocar o produto no mercado e ficar cos dereitos. “Cando máis descoñecida sexa a interprete maiores son os beneficios”, conclúen.

Os resultados eurovisivos de Chanel están por coñecer. Porén, persoas da industria conectadas por Nós Diario apuntan a que “as súas votacións van ser semellantes dos representantes españois dos últimos anos”. Neste sentido, unha delas sitúa o problema en que “o produto español non gusta en Europa porque é moi anticuado e tamén provinciano”.

“Chanel será outro xoguete roto da picadora humana da industria musical española. Outra Rosa, cuxa actividade é vivir das exclusivas  das revistas do corazón ou outro Rodolfo Chikilikuatre, do que ninguén se lembra”, afirma un coñecido produtor musical a Nós Diario.