Gonzalo Villarmeá, espeleólogo: "Desde que puxen o pé por primeira vez nunha cova xa non houbo volta atrás"
—Que atoparán os lectorese as lectoras de Sermos Galiza nesta nova sección?
A miña intención é ensinar o que son realmente as covas da Galiza e mostrar algunhas delas que, baixo o meu punto de vista, son as máis importantes. Quero transmitir a idea de que hai un ecosistema soterrado que é moi importante e que nos aporta moita máis información da que nós pensamos, pois nivel ecolóxico, as covas son moi relevantes.
Gustaríame trasladar un coñecemento do mundo espeleolóxico da Galiza, que é bastante descoñecido para moitos e moitas a pesar da súa relevancia e de ser parte da sabedoría do noso país.
—Cando comezou a practicar esta disciplina que combina deporte e ciencia?
A montaña sempre me gustou, mais empecei a coñecer a espeleoloxía a través do programa Al filo de lo imposible (RTVE). Agora teño a sorte de que son compañeiro de persoas que traballaron nese programa de televisión.
A partir de aí, chamoume a atención e encantoume. Dalgunha maneira acabou sendo unha evolución natural; desde que puxen o pé por primeira vez nunha cova xa non houbo volta atrás.
—Ten moitos anos de experiencia. Que é o que lle apaixona da espeleoloxía?
En primeiro lugar, a espeleoloxía precisa de traballo en equipo para poder ser practicada, necesítase moitísima xente. Despois hai unha parte persoal na que desfrutas da tranquilidade e da desconexión total e absoluta. É indescritíbel; desconectas do mundo, desaparece o estrés do traballo e vives unha desconexión total. Mais sobre todo destaco o traballo en equipo, ser capaz de axudar á xente para facer tantas cousas que moitas veces acaban sendo emocionais, dunha maneira totalmente desinteresada e coa intención de pasalo ben e de coñecer novos mundos que están escondidos.
—Que ten que facer unha persoa para comezar a practicar esta disciplina?
O máis importante é pórse en contacto con algún club onde haxa xente que poida introducirte neste mundo das covas. É unha actividade moi segura, mais sempre que se realice dentro duns parámetros de coñecemento da actividade.
Na Galiza hai moitos clubs que fan espeleoloxía, tanto dentro da propia Federación como da Federación de Montaña, que tamén practica a disciplina e poden axudar a xente a formarse. Outra maneira de facer un primeiro contacto é a través de empresas de turismo activo, é tamén un primeiro paso para saber se te atopas cómodo ou cómoda nunha cova. Necesítase formación e facer as cousas con calma e sen precipitarse.
—Como se debe tratar o entorno dunha cova?
O apartado ecolóxico é fundamental, hai que ser conscientes de que as covas son un ecosistema bastante fráxil e polo tanto as entradas á mesma teñen que ser respectuosas, co coidado de non alterar o entorno e intentando minimizar o impacto. Se vemos unha zona pola que se aprecia que houbo xente pisando, non pasamos por zonas novas, imos por esa mesma área que xa está pisada.
Se, por exemplo, atopamos unha colonia de morcegos, non podemos tentar tocalos nin darlles moita luz ou facer barullo. Sempre hai que tentar protexer as covas, pois dentro hai moita máis vida da que podemos imaxinar.