Contracultura

Pura Salceda, escritora: "Quero que este libro poida achegar certos espazos que non se coñecen desde fóra"

A escritora Pura Salceda. (Foto: Nós Diario)

Pura Salceda (Cidade de México, 1961) vén de recibir o Premio de novela Vilar Ponte por A dous pasos do Edén, unha obra que tece diversas historias desde a experiencia dun xornalista en diálise. Dentro das portas do hospital, a novela explora afectos inesperados, viaxes pola memoria e amizades nacidas da doenza.

—Como foi recibir o Premio de novela Vilar Ponte?
Foi un acto fantástico e moi ben organizado. Ademais, recibir un premio sempre é unha alegría. Cando estás escribindo nunca sabes se realmente lle vai gustar a alguén o resultado. Por iso lograr un premio sempre é un recoñecemento ao que se fai e foi moi grato poder recibir o Vilar Ponte en Viveiro.

—Que nos pode adiantar sobre a obra gañadora?
É a historia dun xornalista que tivera moito prestixio nos seus anos mozos e agora atópase nunha etapa de decadencia tanto laboral como de saúde. Mentres recibe o tratamento de diálise á espera dun transplante, repasa a súa vida amorosa, coa sombra da morte dunha das súas parellas. Ao longo da novela vaise descubrindo como aconteceu e a súa implicación no caso. Tamén, ao estar en diálise, vanse tecendo amizades e vivencias entre un grupo de almas unidas pola supervivencia. Esta idea ocorréuseme porque eu estiven en diálise á espera de transplante.

Nese momento reflexionei sobre como nun espazo así poden converxer diferentes persoas descoñecidas, cada unha coa súa propia vida. A partir de aí, comecei a artellar a historia e a escribir, que sempre é moi terapéutico.

Por que é importante darlle voz ás historias que se tecen dentro dun hospital?
Ás veces, cando unha está ben no mundo de fóra, aínda sabendo que isto existe, non sabe exactamente como funciona. Unha vez estás dentro, dáste de conta do dura que é esa vida. Eu estiven pouco tempo, pero alí había persoas que levaban moitos anos e non podían ter xa un transplante, porque non todo o mundo ten a facilidade para recibir unha doazón. Facerse á idea diso... É interesante como ás veces desde fóra sabemos o de aquí pero ignoramos como se pode chegar a sentir alguén nesa situación.

Eu tratei de traballar na historia dos propios sentimentos que coñecía. Estás como nun "purgatorio" esperando para ver se vas ao ceo ou ao inferno.

—E nese “purgatorio”, que se aprende das historias que unha pode observar?
A realidade é moito máis interesante do que podemos imaxinar e os personaxes que aparecen son todos reais, cambiando os nomes e algunhas historias. Decátaste da diversidade que hai no mundo e é moi interesante como se poden tecer amizades con persoas que, noutras circunstancias, probabelmente non coñecerías. Tamén é impresionante o ben que che trata o persoal médico e de enfermaría. Sentes unha calor humana que se agradece cando estás mal. É unha cousa fenomenal e moi pouco valorada para o que é. Fan un traballo impresionante.

Que lle gustaría que lle quedase á persoa lectora tras atravesar o territorio emocional da novela?
O primeiro que quero é que a xente o pase ben, que é o principal, sexa o tema tráxico ou cómico. Ás veces parece que escribir ou ler son sacrificios enormes e é algo que non entendo. Eu escribo porque me divirte moitísimo. Gústame ler cousas que me acheguen algo interesante. Quero que este libro poida achegar certos espazos que non se coñecen desde fóra. Son historias da vida e de cambio que fan que a novela poida ser divertida.