O punk tamén é para as crianzas: chega a Soutomaior a terceira edición do Punkativada

Espectáculo de Gramola Gominola no Punkativada de 2024. (Foto: Concello de Soutomaior)
O festival Punkativada regresa esta fin de semana á Carballeira do Peirao de Arcade, en Soutomaior, coa súa terceira edición. Haberá música, teatro, obradoiros e moito máis tanto para as crianzas como para as súas familias, nunha cita xa referencial na Galiza, con nomes como Peter Punk, Uxía Lambona ou As Tareixas.

O verán en Soutomaior (comarca de Vigo) non se entende xa sen o Punkativada, o festival pensado para as crianzas que este ano alcanza a súa terceira edición, con actividades sábado e domingo. A Carballeira do Peirao de Arcade volverá encherse de música, espectáculos e obradoiros nunha cita que, máis aló de ser un encontro cultural, busca reivindicar a creatividade e a liberdade de expresión das novas xeracións.

“Queremos que todos os nenos e nenas saquen ese espírito punki que todos levamos dentro e que desfruten dalgúns dos mellores espectáculos infantís que hoxe en día poden verse na Galiza”, destaca a Nós Diario o alcalde de Soutomaior, Manuel Lourenzo. Para el, o festival é xa “referencial en toda a contorna” e contribúe a situar o concello como un lugar que aposta en propostas culturais singulares, accesíbeis e en galego.

A voz das artistas

Un dos pratos fortes deste ano é o concerto das Tareixas, grupo familiar –composto por José Manuel Díaz e os seus fillos, Román e Omara– que xa estivo o pasado ano no Punkativada cos seus primeiros temas antes de editar o seu primeiro disco, Santo Mandil. José Manuel lembra aquel debut con agarimo: “Tivemos media horiña de concerto e parece que gustou, porque este ano xa vimos presentar disco. O grupo xurdiu da formación musical dos nenos e das historias próximas, como a primeira canción que fixemos, ‘A cadeira da avoa’, inspirada na miña sogra”.

O grupo aposta no galego de forma consciente: “Non son de aquí, pero penso que é unha cuestión de respecto. Compor en galego cústame, pero paga a pena; o público agradece que fagamos este esforzo”, engade. Pola súa parte, Román lembra a experiencia de ser maquillados e pintados no festival: “Foi moi divertido, notábase que a xente viña vernos a nós”.

Outro dos nomes destacados é o de Uxía Lambona e a Banda Molona, unha das bandas máis queridas pola cativada. “Encántanos que haxa propostas como esta. Hai unha demanda crecente de festivais exclusivos para a rapazada e están funcionando moi ben”, explica a cantante a Nós Diario. O grupo leva máis dunha década transformando clásicos populares en pezas cheas de ritmo e de retrousos recoñecíbeis, pero adaptados ás crianzas: “Rapeamos A Carolina, facemos cumbia co Benitiño ou rock co Gato. Queremos que os nenos recoñezan as cancións pero tamén que as vivan doutro modo”.

Para Uxía Lambona, a música é tamén un vehículo para achegar a lingua ás novas xeracións: “Moitos pais e nais din que grazas á nosa música os seus fillos se achegan ao galego. É unha ferramenta marabillosa para que a rapazada valore a lingua como un tesouro. É unha mágoa que estea a perder falantes, pero nós pomos o noso gran de area”.

No caso de Isaac Rodríguez, coñecido como Peter Punk, o seu espectáculo chega cargado de retranca e de mensaxes. “É un formato que encaixa moi ben co meu perfil. Nos festivais como o Punkativada sénteste cómodo porque sabes que o público vai entrar no xogo. Ademais, as cativas son as mellores mestras: toman o xogo en serio até as últimas consecuencias, e iso ensínalle moito a un pallaso”, di.

O artista vigués tamén subliña a Nós Diario a importancia de actuar en galego: “Peter Punk é galegofalante, e só iso xa é un referente para as cativas. Non fai falta montar unha lección sobre o idioma; o feito de que vexan espectáculos en galego, que sexa algo orgánico, é xa unha forma de prestixialo”.

Soutomaior, o escenario perfecto

A Carballeira do Peirao, á beira da ría de Vigo, convértese de novo no epicentro desta festa da imaxinación. O alcalde insiste en que o espazo “presta moito para un festival así, con natureza, sombra, espazo para correr e crear...”. O obxectivo do Goberno local é claro: facer de Soutomaior unha referencia en actividade cultural. “Queremos ofrecer propostas até o de agora impensábeis, e que os cativos teñan acceso á mellor programación. Porque a cultura é un dereito e temos que garantila”.

Ademais, este escenario permite que as familias gocen dunha fin de semana completa: moitas visitantes aproveitan para coñecer tamén o castelo, as praias ou as rutas de sendeirismo do concello. O festival convértese así nun motor de dinamización cultural e tamén turística, con impacto directo na hostalaría e no comercio local.

Un festival con espírito punk

Máis alá da programación, o espírito punk que reivindica o festival é o que lle dá personalidade propia. Trátase de deixar que os nenos e as nenas experimenten, xoguen e se expresen con liberdade. Como resume Manuel Lourenzo: “O espírito punk vén dos cativos. O Punkativada é iso: un espazo de liberdade, de creatividade e de celebración da nosa lingua e da nosa cultura”. Aquí a cativada non é tratada como público secundario, senón como a auténtica protagonista dun festival feito á súa medida.

Co cartel encabezado por artistas referenciais e cun programa cheo de obradoiros e de espectáculos, o Punkativada consolídase como unha das citas máis singulares do verán galego. Porque, como lembra Peter Punk, “non hai mellores mestres ca os nenos e as nenas; elas toman o xogo en serio, e nós deberiamos aprender diso”.

Sábado e domingo: Música, teatro e obradoiros: un programa diverso

O festival arrinca este sábado pola mañá cos primeiros obradoiros creativos e co concerto da Banda dos Insectos, unha proposta que mestura música e humor para os máis pequenos. Xa pola tarde será a quenda do grupo As Tareixas, que presentará o seu novo disco, e do espectáculo Moby Dick, de Pedras e Cartón. O prato forte da xornada chegará ás 19.30 horas co número Con Lingua Propia, de Peter Punk, que mestura clown, humor e reflexión social.

O domingo 24 de agosto, a programación continuará cunha intensa oferta de obradoiros: desde a 'lingua punki' até os “oficios do futuro”, pasando polos “súper poderes das aves”. Pola mañá será a vez de Teatro ao Cubo coa súa proposta A utópica rondante, de Vilatriste a Vilalegre, e pola tarde o gran feche correrá a conta de Uxía Lambona e a Banda Molona, que farán bailar toda a rapazada cun directo cheo de enerxía e de humor.

Todas as actividades son gratuítas, algo no que fai especial énfase o Concello, co fin de que sexa accesíbel para toda a veciñanza: “A cultura é un dereito, e os cativos merecen esta oferta. O Punkativada permítelles gozar en liberdade, expresarse e facelo ademais nun espazo natural único como é a nosa carballeira”, explica a Nós Diario o alcalde, Manuel Lourenzo.