Primeiro filme galego sobre unha relación gay
Nove de novembro é o primeiro filme galego centrado nunha relación gay. Dirixida por Lázaro Louzao (Xove, 1988), a película narra os derradeiros días dunha parella que, tras dez anos xuntos, comeza a crebar. A cinta está enmarcada no ano 1989, coincidindo coa caída do muro de Berlín e a posterior absorción da República Democrática Alemá por Occidente.
Nove de novembro acaba de iniciar o seu percorrido por festivais. O vindeiro 7 de abril, Lázaro Louzao presentará a súa primeira longametraxe no Teatro Colón da Coruña a partir das 20:30 horas.
Despois das curtas de Seres sombríos (2013) ou Crac (2014), o director presentaba o pasado mes Nove de novembro no Zinegoak, Festival Internacional de Cine e Artes Escénicas LGTBI de Bilbo. Cun orzamento de 30.000 euros, o filme foi financiado parcialmente a través dunha campaña de crowdfunding e xa se viu en certames como o New Renaissance de Amsterdam ou o qFlix de Philadelphia.
A cinta está protagonizada por Ademar Silvoso e Brais Yanek, cunha historia de amor que se vai desenvolvendo paralelamente aos cambios políticos da época na República Democrática Alemá e no mundo. Durante a súa promoción, o filme foi sometido á censura de Facebook por mor dun bico entre os dous protagonistas no trailer.