O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten finalistas

Florencio Manuel Delgado Gurriarán, autor que dá nome ao premio.
110 persoas de toda a Galiza presentaron 120 obras que cumprían os requisitos da convocatoria.

O V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten os tres poemas finalistas entre os que se escollerá o vencedor nunha gala que se celebrará a finais de outubro.

Os poemas e autores finalistas son Aleixandre Barral (A Coruña, 1992) co poema Meditación sobre Patinir, Daniel Barral (Vigo, 1997) con Visões de Gideão, e Benjamín Vidal (Baiona, 1996) co texto Sinal, corpo.

Os tres poemas -que optan a un premio único de tres mil euros- foron seleccionados polo xurado integrado por Raúl Diz, Beatriz Dourado, Manuel Xestoso xornalista cultural en Nós Diario-, Mª Carmen Gago e Delfín Caseiro, e están dispoñíbeis para a súa lectura na web da Fundación.

A organización do Premio recibiu obras de 110 autores e autoras entrando a concurso finalmente as 120 pezas que cumprían os requisitos. Os autores dos poemas finalistas son todos nacidos na década dos noventa e desde a Fundación destacouse a súa calidade literaria, malia pertencer a ser autores con escasa obra publicada.

Débora Álvarez Moldes, a directora da Fundación, explicou que o traballo do xurado non foi sinxelo, xa que "esa mesma calidade e profundidade lírica estaba presente en moitos outros poemas candidatos".

Agora falta coñecer o poema gañador, que será anunciado nunha gala que será a primeira que organiza a recén creada Fundación Florencio Delgado Gurriarán e que queren que represente os criterios de promoción cultural desta nova etapa da organización, na que o autor de Córgomo segue sendo o centro da súa acción pero co protagonismo repartido en toda Valdeorras e expresións culturais da comarca.