O PP chega ao Goberno de Cambre e suspende o concerto programado de Loita Amada
O músico Pablo Carracedo 'Jásper' acusa o PP de vetar a banda despois de ter unha data fechada e substituíla por grupos "cómodos" para a dereita. Asegura que a decisión non é estética, senón "política", e alerta de que se pretende a "división" da escena galega.
O cantante e activista Pablo Carracedo 'Jasper', integrante de Loita Amada e ex membro de Xenreira e Nao, vén de publicar nas súas redes sociais unha denuncia contundente: a banda foi excluída da programación cultural de Cambre (comarca da Coruña) tras o cambio de Goberno municipal, pasando de Unión por Cambre ao PP.
Segundo relata, Loita Amada tiña confirmada a actuación en Cambre, con data reservada e pendente só de asinar o contrato. Porén, coa chegada do PP á Alcaldía, a contratación foi cancelada e substituída "por grupos como Heredeiros da Crus e The Rapants (entre outros)". Para Jásper, non se trata dun simple cambio de cartel, senón dun veto motivado por criterios ideolóxicos: "Non é por gusto musical, é porque nós non lle lambemos o cu ao poder, e o PP sábeo de sobra".
O músico enmarca o ocorrido nun patrón máis amplo, asegurando que os concellos gobernados polo PP teñen unha tendencia recorrente a contratar determinados grupos e empresas do sector, "mentres deixan fóra proxectos críticos co poder ou comprometidos con loitas sociais e ambientais". Cita, neste sentido, exemplos como Dakidarría, Rebeliom do Inframundo, Hugo Guezeta, Banda Xangai ou Sés.
"Nós padecemos censura directa"
Carracedo sinala tamén que na Estrada, onde a mesma produtora xestiona festivais, "nunca se contou" con Loita Amada, a pesar de ser, afirma, a banda estradense máis coñecida da actualidade.
O artista critica ademais as declaracións dun integrante de The Rapants que asegurara nunha entrevista que asociar música en galego con política fixera dano á escena: "Claro que si, amigo. Mentres nós padecemos censura directa, outros resultan cómodos á dereita caciquil galega".
Para Jásper, esta dinámica supón unha ameaza para a escena musical galega construída nas últimas tres décadas: "A infiltración de cipaios dentro da escena está a provocar a súa división e acabará por cargarse todo o que tanto traballo nos custou levantar entre todos (políticos e apolíticos por igual) nos últimos 30 anos".