Pontevedra despide o Ano Castelao cunha placa no edificio onde viviu con Virxinia Pereira

Acto de descuberta da placa que lembra Castelao e Virxinia Pereira, este 7 de xaneiro, en Pontevedra. (Foto: Xaquín Soliño)
O Concello de Pontevedra pon o ramo ao Ano Castelao desvelando unha placa que conmemora a etapa na que o dirixente nacionalista residiu, xunto a Virxinia Pereira, na cidade. Unha última e merecida homenaxe após un 2025 marcado polo 75 cabodano do rianxeiro.

Para pór o ramo ao 'Ano Castelao', que durante 2025 devolveu ao primeiro plano da actualidade o intelectual e dirixente nacionalista co gallo do seu 75 cabodano, onte inaugurouse unha placa conmemorativa dedicada a Castelao e mais a súa muller, Virxinia Pereira, no número 1 da Praza de España de Pontevedra, onde morara a parella na boa vila. Un acto que contou coa participación de catro mozos e mozas dos institutos pontevedreses A Xunqueira II, Valle-Inclán e Frei Martín Sarmiento, que foron seleccionados polo seu propio persoal docente ao mostraren un grande interese pola lingua e pola figura de Castelao, participando en diferentes actividades ao longo deste Ano Castelao. A súa intervención, para a que contaron coa axuda da xestora cultural e autora de literatura infantil Eva Mejuto, centrouse en actualizar e revisar o pensamento de Castelao partindo da pregunta 'Que pensaría Castelao hoxe? Cales serían os seus intereses actuais?'. Ademais, participaron a presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez; a primeira tenente de alcalde do Concello, Eva Vilaverde, ou o concelleiro Demetrio Gómez. Vilaverde destacou a importancia do Ano Castelao e, ao igual que o alumnado, indicou que o seu pensamento é "actual e vivo", polo que "a mellor homenaxe que se lle pode facer transcende o Ano Castelao", pois "é construír o país polo que loitou, un país autogobernado e que mire con orgullo o resto de pobos do mundo".

Pola súa parte, Rosario Álvarez celebrou a implicación da cidade cos valores do autor de Sempre en Galiza e fixo fincapé na necesidade de "construír unha Pontevedra e unha Galiza dignas dos desexos de Castelao, orgullosas transmisoras da tradición, respectuosas e donas do seu futuro".

Foi o feche oficial da celebración ao longo do pasado ano 2025 do multifacético persoeiro de Rianxo. Esta placa, explica Demetrio Gómez, concelleiro de Dinamización Sociocultural da cidade, colocouse para mostrar "o orgullo que temos polos nosos veciños". Este pasado Ano Castelao, sostén, demostrouse que Castelao e Pereira "eran moi queridos na cidade de Pontevedra" e, por tanto, "non hai mellor homenaxe que deixar, por fin, a súa pegada na rúa na que viviron para lembrar, para a posteridade, este Ano Castelao".

O libro 'Meu Castelao'

Este acto, que concluíu coa interpretación do Himno galego a cargo da agrupación musical Os de Algures, foi unha homenaxe á intensa actividade levada a cabo polo Concello de Pontevedra ao longo do Ano Castelao. Outra das accións máis salientábeis do Concello foi a edición de Meu Castelao, un volume colaborativo levado a cabo xunto á Asociación Cultural Maiolongo. Este libro contou con medio cento de colaboradores e colaboradoras, pertencentes a distintos eidos, entre os que se atopan a edil Eva Vilaverde e mais o alcalde, Miguel Anxo Fernández Lores, como representantes do Goberno municipal. Ademais, participan, entre outros, o escritor Xosé Monteagudo; o catedrático de filosofía do IES Valle-Inclán e fundador da Aula Castelao de Filosofía, Ramón Regueira; Amalia Bóveda, filla de Alexandre Bóveda; a presidenta da Orquestra Sinfónica de Pontevedra –en cuxa fundación participaría o propio Castelao-, Judith Iglesias; a libreira Luz Gallego 'Nenuca', ou o pintor Manolo Figueiras. Outra persoa coa que se contou para a obra é a mestra de Xeografía e Historia Susana Trigo, quen comenta para Nós Diario que "fai a súa participación como cidadá máis que como profesional". Trigo explica sobre a súa achega que se trata dunha compilación de experiencias persoais nas que Castelao, como ela o denomina, "un descoñecido moi familiar", condicionou a súa vida.

Esta é a tónica xeral da obra: cada un dos participantes destaca ou reflexiona a respecto dun aspecto do rianxeiro, ou achega algunha testemuña que confirme a relación que tivo coa súa figura a nivel persoal e profesional en fragmentos de, aproximadamente, dúas páxinas, con excepción das intervencións de Xosé Abilleira –presidente de Maiolongo- e o propio Fernández Lores, que contan cun espazo máis amplo e encabezan obra ao seren, xunto con Demetrio Gómez, artífices principais da obra. Ademais, conta con diferentes anotacións que aclaran cuestións sobre o autor como a contextualización dos fragmentos.

Meu Castelao é unha mostra, comenta Abilleira, "do compromiso do Concello co Ano Castelao, que contrasta co tratamento da Xunta [da Galiza] e da Deputación [de Pontevedra]", institucións que,  segundo el, "non só o deturpan, senón que o confrontan frontalmente". A nivel xeral, na cidade de Pontevedra a implicación foi común a toda a cidadanía e o tecido asociativo ao longo de todo o Ano Castelao. "Oxalá houbese noutras cidades e vilas exemplos semellantes de implicación na cuestión da idea e o enfoque, que coincide co modelo de cidade social, contando coa participación da cidadanía, como é o caso de Pontevedra". Ademais, considera "moi positivo" que "calquera tipo de organización ou grupo se implique", de forma "que se garanta este modelo alternativo de cidade, que non se reflicte unicamente no Ano Castelao".

As accións da asociación Maiolongo foron, alén da organización e participación na obra colectiva Meu Castelao, estendéndose ao longo de todo o Ano Castelao. Tal e como sentencia o seu presidente, Xosé Abilleira, "Castelao non é un ser etéreo nin autónomo, é unha praxe diaria".