A Pobra do Brollón acollerá un espectáculo literario-musical na honra das poetas das comarcas do nordeste

A poeta e ensaísta Olga Novo. (Foto: Faia Costeira)
Literatura e música danse a man este sábado coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pobra do Brollón.

O vindeiro sábado 11 de outubro, a Casa da Cultura Olga Novo na Pobra do Brollón (Terra de Lemos) acollerá o espectáculo literario-musical 'Na casa delas'. O evento comezará ás 20 horas, e será de entrada libre.

Trátase dun concerto do cuarteto vocal Son de corda no que cantarán a poetas das comarcas do nordeste do país, concretamente á guímara Olga Novo, a María Mariño, a Luz Pozo, a Xela Arias, a Marica Campo e a Olalla Cociña. No repertorio tamén se incluirán algúns textos da tradición oral destas zonas. 

Textos nos que "converxen diferentes tipos de amor, medos, incertezas e desenganos que enchen a cunca da vida", escribe Beatriz Dourado na presentación do proxecto. O cuarteto estará acompañado por Raúl Rodríguez no piano e a bailarina María Pichín. Ademais, durante o concerto proxectarase unha serie de vídeos dedicados ás poetas, realizados por Alejandro Gándara e Manuel Lucas.

Colaboración da AELG

O proxecto 'Na casa delas', que promete un belo sábado de confluencia entre a poesía e as outras artes, conta ademais coa colaboración da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG), da Vicepresidencia da Deputación de Lugo e do Concello da Pobra do Brollón.