Piornedo celebra o X aniversario da Festa da Pandeira, o instrumento que deu voz ás mulleres dos Ancares
O 22 de agosto reuniranse no Piornedo 15 tocadoras de Galiza, Asturies e León para un evento único no que tamén haberá un programa completo en actividades.
Desde hai dez anos, Piornedo (Cervantes) acolle o único encontro adicado á 'pandeira', un instrumento tradicional dos Ancares galegos e as zonas colindantes de León e Asturies. De maior tamaño que a pandeireta, é un instrumento “empregado durante séculos para acompañar o canto das mulleres”, como sinalan desde a organización da Festa da Pandeira, que corre a cargo de AC 'O Teixeiro' e o grupo 'Pola Vila'. Este ano daranse cita 15 tocadoras, todas mulleres: de Donís (Galiza) a Lumeiras (León), pasando por Degaña (Asturies), mulleres tocadoras que levan décadas coñecendo o segredo da pandeira.
No traballo Os instrumentos musicais na tradición galega as pandeiras defínense como “pandeiros redondos (duns 40-50 cm de diámetro e 8-12 cm de alto) que levan algunhas ferreñas inseridas no marco (…) consérvase aínda o uso destes instrumentos, intimamente ligado ao canto, sobre todo feminino, aínda que tamén os homes as empregaban“
Esta Festa é,ademais, un punto de encontro e convivio para a veciñanza das comarcas e para os amantes e estudosos da música tradicional. No programa hai, ademáis de música, xantar de confraternidade e mesmo un baile nocturno no que quen quixer pode tomar parte co seu instrumento.