Pilar Prieto mostra os principais achados no Corro dos Mouros
Os principais achados do xacemento prehistórico do Corro dos Mouros da parroquia de Adai, no concello de Lugo, están expostos até o 30 de xaneiro no Edificio Fontán da Cidade da Cultura, en Compostela, na mostra titulada ‘O Corro dos Mouros. Unha longa historia... A monumentalidade ritual-funeraria dende o Bronce Final ata a Idade do Ferro na Galiza’. A mostra é unha montaxe da directora das escavacións e investigadora do grupo EcoPast da USC e do Centro de Investigación Interuniversitario das Paisaxes Atlánticas Culturais (Cispac), Pilar Prieto Martínez.
Nela, achégase unha síntese sobre este destacado xacemento prehistórico caracterizado pola súa monumentalidade e pola continuidade dos seus usos rituais, e no cal foron atopadas máis de 1.200 novas pezas arqueolóxicas na última campaña. "A exposición nace como idea dunha fase de divulgación, sempre asociada aos traballos da arqueoloxía", afirma Pilar Prieto a Nós Diario. "No campo da arqueoloxía sempre estamos pensando na parte divulgativa do noso traballo, é algo que forma parte da filosofía xeral que temos todos e todas nesta disciplina", engadía. O Corro dos Mouros camúflase baixo unha paisaxe articulada ao redor de mámoas, petróglifos e castros, sendo un xacemento monumental que agocha unha longa e complexa historia. Foi un lugar sacro utilizado para desenvolver ritos funerarios desde o momento da súa construción no Bronce Final, en torno ao século XIII antes de Cristo, albergando unha actividade intensa na Primeira Idade do Ferro e sendo clausurado na Segunda Idade do Ferro, en torno ao século III antes de Cristo.
Xa na Alta Idade Media detectouse unha posíbel remoción da coraza prehistórica que arrastra consigo materiais que alí quedaron depositados, como unha punta de lanza de bronce prehistórica asociada a esta datación. Na Época Moderna detectouse actividade esporádica, grazas ao achado de fragmentos de dúas potas cerámicas e finalmente, no período contemporáneo, a zona utilizouse para desenvolver actividades agrícolas, como o mostran as pegadas de arado atopadas no exterior do xacemento, e actividades forestais. Grazas ás escavacións dirixidas por Pilar Prieto, autorizadas pola Asociación de Montes de Adai, puidéronse extraer mostras para analizar co método de carbono catorce. Deste modo, a exposición ensina os lugares e contextos datados, que permitiron facer unha reconstrución detallada da cronoloxía do sitio.
O culto á morte
"É novidoso porque permite comezar a coñecer a parte funeraria que tiñamos na Idade do Ferro", sostén Pilar Prieto Martínez. "É moi importante porque noutras zonas da península Ibérica ou de Europa saben perfectamente como enterraban os mortos no primeiro milenio, cousa que nós non sabemos, mais con traballos desta tipo vaise ampliar moio o coñecemento que temos".
Pilar Prieto anima a acudir á mostra para decatarse de que "a arqueoloxía é un ámbito moi interesante e útil para coñecer o noso pasado. O obxectivo que me gustaría conseguir é ese, chamar a atención e dar a coñecer que a arqueoloxía non é o que nos explican ás veces as películas como as de 'Indiana Jones', senón que o traballo da arqueoloxía mostra como estudar o noso pasado e coñecer xente que viviu no mesmo territorio que nós hai moito tempo", concluía Martínez Prieto.