O Panteón de galegas e galegos Ilustres dótase de Fundación
Parlamento da Galiza, Xunta, Arcebispado e Concello de Santiago sentaron esta cuarta feira as bases para a creación da Fundación do Panteón de Galegos e Galegas Ilustres, que esperan que se constitúa oficialmente "canto antes" e cuxo financiamento correrá a cargo da Cámara galega en 50%.
Estes foron algúns dos temas abordados esta cuarta na xuntanza no Parlamento e na que participaron o presidente da Cámara, Miguel Santalices; o conselleiro de Cultura, José López Campos; a alcaldesa de Compostela, Goretti Sanmartín; e o arcebispo de Santiago, Francisco José Prieto; entre outros.
Tal e como explicou o propio presidente do Parlamento, na reunión analizouse a constitución da Fundación para formalizala oficialmente mediante rexistro notarial. Tamén analizaron que persoas formarán parte do padroado. O obxectivo da Fundación centrarase na "conservación, xestión e promoción do Panteón, así como dos valores que representa" e estará rexido polos seus propios estatutos..
A alcaldesa compostelá, Goretti Sanmartín, destacou a "unanimidade total" das partes na necesidade de pór en marcha o padroado, ademais de "no que significa, a simboloxía que ten, a súa recuperación".
Respecto das posíbeis cesións de terreos, algúns en mans da Igrexa, Sanmartín explicou que ese será un traballo que se faga "en paralelo". "Hai moitas cuestións que desde un punto de vista técnico e xurídico téñense que ir mirando, mais o importante é que, polo menos, a fundación xa vai adiante", comentou. "O importante é dar pasos para que o panteón sexa un lugar de orgullo e de dignidade para o conxunto de galegos e galegas", sentenciou.
O arcebispo, pola súa parte, puxo o foco no "acordo claro" en apoiar o Panteón cunha Fundación que "coide" un espazo que "fai presente unha memoria viva daqueles que fixeron posíbel que a Galiza sexa unha realidade".
Por último, o conselleiro de Cultura puxo en valor a "intelixencia e capacidade" para o diálogo das entidades participantes.