Pallasos honoris causa
El Compostelano de 3 de setembro de 1928 infórmanos do “curioso caso” dun pallaso que tornou doutor honoris causa pola universidade de Budapest. Trátase de Karl Adrien Wettach, o suízo que, na primeira metade do século XX se converteu na estrela do entretemento europeo co nome de Grock, o pallaso. Músico virtuoso, podía tocar 24 instrumentos, as súas actuacións estendéronse por boa parte de Europa, até o punto de ser denominado o rei dos pallasos, denominación que aproveita para a súa autobiografía: As memorias do rei dos pallasos.
Na Galiza non debeu actuar, mais si en Madrid, a xulgar pola información de El Compostelano, novembro 1932, que nos confirma tamén que no Salón Teatro se proxectou o filme A vida de un grande artista, en xuño de 1933.
En outubro de 1954 produciuse a súa retirada de escena, tomada polas estacións televisoras alemás. Tiña 74 anos e del díxose que foi o único que fixo rir a Hitler e a Charlot.
Na primeira década do século XX traballou como preceptor do Conde Esteban Bethlen, primeiro ministro de Hungría entre 1921 e 1931, hábil representante do conservadurismo húngaro, contrario á ampliación de voto e a todo tipo de reforma agraria. Non sabemos se foi esta experiencia a que o motivou para exercer de pallaso.
Grock recebeu o doutorado en Filosofía. Facer rir é algo moi serio e o pallaso fai visíbel o pensamento máis fondo, sintetiza o acto de pensar.
Diferente é facer pallasadas.