Antón Lopo

"O país está demerxido nun horizonte de confusión e os medios son reflexo da situación"

[Imaxe: Luís Soto] Antón Lopo

Antón Lopo é un creador con múltiples rostos. Escritor. Xornalista. Editor. Actor. Colaborador de Sermos (coa súa memorábel serie de entrevistas Extintivos). A súa voz non podía faltar en VenhanMais5

 

-Como avalías o estado actual da comunicación en Galiza?

 

-O país está demerxido nun horizonte de confusión, desorientado, sobrevivindo como pode nunha nada que non é terra nin tampouco mar. Os medios son reflexo desa situación. Pero tampouco debemos levarnos a equívoco: nunca, coma hoxe, a pluralidade do país estivo tan representada e acadou tanta difusión, sexa en medios escritos ou dixitais. É dicir: existen múltiples plataformas informativas desde a que os individuos e os colectivos, mulleres e homes, expresan a súa visión da realidade e do seu horizonte libremente. Iso supón unha físgoa de aire que permite respirar. Porén, o aire non chega ao fondo dos pulmóns: resulta insuficiente para xuntar unha alternativa de información comunal crible.

 

 

-Que evolución agardas neste ámbito a nivel galego a cinco anos vista?

 

O Sermos ten enriba a responsabilidade de ser –de Sermos– avinza de estratexias.

 

-Non son moi bo oráculo. Traizóame o meu optimismo patolóxico. A cinco anos vista, imaxino o pleno emprego dos profesionais do xornalismo galego en plataformas comprometidas co beneficio común.

 

 

-Que esperas de Sermos nos próximos cinco anos e en que cres que debemos e/ou podemos mellorar?

 

-O Sermos xa forma parte doutra forma de ver realidade, o cal non é pouco: sen o semanario e sen a súa web sería moi difícil establecer as conexións periféricas que afortunadamente se dan. Hoxe, o único que realmente existe nas nosas sociedades é o periférico. Pero iso non implica que a periferia teña marxe de manobra para crear as súas propias estratexias. Supoño que o Sermos ten enriba a responsabilidade de ser –de Sermos– avinza de estratexias.