Certame literario "Un verán con Castelao"

"O pai de Nidal", por María Blanco Iglesias

Os días no campo de refuxiados eran sempre iguais. (Foto: Omar Ashtawy / APA Images via ZUMA / DPA)
IES Rosalía de Castro. Compostela.

Nidal pasou a noite deitado no chan frío, entre mantas rotas que nada podían contra o balbordo dos bombardeos. A súa nai, Amira, coidaba de que el non mirase as luces vermellas que esgazaban o ceo, mais Nidal, con ollos grandes de curiosidade e medo, esculcaba sempre. O corazón do rapaz, pequeno e inquedo, batía como un paxaro asustado cada vez que retumbaba un estrondo na noite, un paxaro inocente que non comprendía o que estaba a pasar.

Había semanas que o seu pai marchara, empuxado pola guerra, dicindo que ía buscar axuda, comida, esperanza. Nidal lembraba o seu rostro con claridade: unha barba curta, uns ollos firmes, un sorriso tranquilo que lle prometía que todo volvería estar ben. Mais agora só tiña o retrato que Amira gardaba envolto nun lenzo vello e, cada noite, antes de durmir, Nidal pedía á súa nai que llo ensinase outra vez, como un talismán que o protexera do medo.

A axuda humanitaria, que viña cargada de esperanza, quedaba atrapada nos postos militares

Os días no campo de refuxiados eran sempre iguais: longas colas para un pouco de pan, auga sucia que sabía a ferro, berros que viñan dun lado e doutro, e sempre a sensación de que o mundo podía esfarelarse en calquera momento. A axuda humanitaria, que disque viña cargada de esperanza, quedaba atrapada no control dos postos militares, prohibida para aqueles que máis a precisaban. E cada vez que Amira escoitaba “non os deixaron pasar”, a súa alma esgazábase un pouco máis.

Mentres tanto, Nidal soñaba co regreso do pai. Facía plans na súa cabeza: contaría todo o que aprendera durante a súa ausencia, as historias que inventara para non ter medo, os debuxos que fixera no po co dedo.

Unha mañá, despois dunha noite especialmente tráxica —na que un mísil caera preto, deixando un fedor a fume e sangue—, Amira decidiu que irían ao punto de chegada onde, dicían, traían ós homes que volvían das fronteiras. A muller tiña o desexo de que o seu home decidise volver. Nidal puxo o seu mellor pantalón, remendado mil veces pero limpo, e peiteouse coas mans molladas para parecer ben. O corazón batíalle forte, coma sempre que o medo se confundía coa esperanza.

Chegaron á estrada, onde un autobús vello, esburacado polos impactos, traía ós que regresaban. Nidal sostivo forte a man da súa nai, e cos ollos abertos de par en par, buscou o seu pai. Cría que o recoñecería de inmediato, que ningún disparo, ningunha ferida, podería roubarlle o sorriso do retrato, mais non foi así.

Un home baixo, co uniforme cheo de po, baixou primeiro. Tiña unha mirada fonda, ningunha ferida e ese sorriso que tanto destacaba entre a multitude. Nidal sentiu un trebón de alegría e botou a correr cara a el cando a nai lle puxo a man no ombreiro: "Non é el, Nidal". E o home seguiu, sen reparar no neno que quedaba detrás co corazón esnaquizado.

Logo veu outro home, alto, cunha cicatriz longa na fronte, que fixo estremecer a Nidal. A súa nai tamén chorou, pero era de alivio ao ver que non era el. Pasaron homes coxos, homes coas mans vendadas, homes que miraban ao chan coma se non tivesen dereito a erguer a cabeza. Nidal sentía por cada un deles un amor fugaz e desesperado, coma se quixese ser o fillo de todos, sentindo que calquera deles puidese ser o pai que buscaba.

Mentres el agardaba, o son dos bombardeos seguía ecoando a carón, e Nidal pensaba en por que a guerra sempre miraba cara a eles, cara aos máis pequenos. "Por que disparan contra nós, mamá?", preguntaba, mais Amira non tiña resposta. Porque non había resposta que puidese xustificar as rúas cheas de sangue, as escolas feitas ruínas, os nenos a xogar entre os cascallos como se fose normal.

Cando xa só quedaba un home por baixar, Nidal mantiña a esperanza de que ía ser el. Era delgado, máis do que lembraba, e o seu traxe flotaba arredor do corpo coma un saco baleiro. As mans tremíanlle, e cada paso parecía custarlle o dobre do esforzo. Tiña os ollos encoveirados, afundidos polo medo ou a fame. Nidal sentiu un calafrío cando o viu tusir, un son fondo que lle rachou o peito.

A nai de Nidal chorou en silencio, e o rapaz tamén soubo que aquel era o seu pai. Correron cara a el, e o pai agachouse como puido para apertar ao fillo. A voz saíulle rota, pero aínda así dixo: "Nidal, meu pequeno, volvín".

O rapaz abrazouno con todas as súas forzas, sentindo o frío dos ósos do pai baixo a roupa. O seu corazón, tan ferido como o corpo do home, latexaba con máis forza que nunca. Por fin tiña ao seu pai, aínda que non era o home forte do retrato, senón un home vencido, coas mans sucias de po e medo, mais con vida. Ao redor deles, outros nenos, esposas, amigos e nais seguían a buscar. Tiñan os ollos grandes, famentos de afecto, e mantiñan a ilusión de encontraren todos aqueles homes que nunca ían volver. Mentres os homes que volvían traían o silencio da guerra pegado á pel. O ceo seguía retumbando de lonxe, e a palabra “alto o fogo” soaba tan distante como a palabra “paz”. As cámaras do mundo pasaban de largo, e cada vez que se prohibía a entrada dun camión de medicinas ou de pan, outro neno quedaba sen pai, sen nai, sen futuro.

Por un instante, Nidal só oía a respiración trabada do seu pai, o único son que lle importaba. Mais, no fondo do seu corazón, algo nacía: a certeza de que o amor dun fillo pode resistir calquera guerra, pero tamén a certeza de que calquera guerra, cando o obxectivo son os inocentes, é un crime que non podemos mirar en silencio.

A guerra arrinca vidas e con elas a humanidade que deberiamos compartir. Mirar para outro lado mentres nenos como Nidal soñan co que lles roubaron é aceptar que o inocente sexa sempre o obxectivo. Xa non é só unha guerra: é unha ferida aberta na nosa conciencia.