Pablo Carpintero e Lidia Nieves gañan o Antonio Fraguas  de Artesanía

Pablo Carpintero tocando a réplica exacta da gaita representada na Cantiga 350 das Cantigas de Sta. María do século XIII.

A reprodución da gaita de fol dunha Cantiga de Santa María de Pablo Carpintero na categoría de tradicional e unha peza de xoiería de Lidia Nieves en contemporánea son as gañadoras do XI Certame de Artesanía Antonio Fraguas da área de Cultura da Deputación da Coruña.
 

Na modalidade de artesanía tradicional, a obra gañadora foi unha reprodución funcional da gaita de fol da Cantiga 350 das Cantigas de Santa María, presentada por Pablo Carpintero e elaborada mediante torneado con incrustracións en lacre e pau rosa. Pablo Carpintero ten na súa traxectoria un longo e sólido traballo de investigación e reprodución de instrumentos tradicionais galegos, en especial, sobre a gaita de fol. Forma parte do Proxecto Ronsel da Universidade de Vigo para a recuperación do Patrimonio Cultural Inmaterial de Galicia e é membro da Asociación de Gaiteiros Galegos ademais de promover distintas iniciativas de recuperación dos instrumentos musicais galegos. O xurado valorou o importante traballo investigación que precede á elaboración dunha gaita recuperada a través de referencias gráficas. Podemos ver como soa neste vídeo.

Artesanía contemporánea

En canto á categoría de artesanía contemporánea, o xurado decidiu escoller como gañadora a peza titulada “Xoguete”, da autoría de Lidia Nieves Domínguez. A obra gañadora é un anel cunha parte circular plana e oscilante coa imaxe dun navío que evoca o xogo de colocar dúas pequenas bolas en dous buracos. O xurado valorou nesta peza de xoiería contemporánea, elaborada en técnica mixta, a combinación dun discurso orixinal cunha execución técnica moi ben realizada. Lidia Nieves Domínguez formouse en xoiería e é licenciada en Belas Artes e dedícase profesionalmente ao deseño e elaboración de xoias ademais de dar clases de artes a nenos e nenas.