OzocoGZ entrega este domingo os premios do seu concurso de microrelatos

Eladino Cabanelas no seu lugar de traballo habitual xunto ás súas creacións para OzocoGZ (Nós Diario).

No acto actuarán Terra Morena e Alendalúa.

A Ínsua dos Poetas, no lugar de Esgueva, no Carballiño, acolle este domingo a entrega dos premios ás persoas gañadoras da 11 edición do concurso de microrelatos que organiza OzocoGZ.

O acto comezará ás 19 horas e no mesmo contarase coas actuacións de Terra Morena e Alendalúa.

Os relatos gañadores son Botinas de agasalho, presentado co seudónimo “Catro pelos”, baixo o que se agochaba o nome de Andreia Costas. Resultou finalista o micro-relato Verde, presentado co seudónimo “Ulex”, baixo o que se agochaba o nome de María Berini Pita da Veiga.

Botinas de agasalho
“Acarinho os delicados peúgos de perlé branco pola derradeira. Anunciara tamén o berce, o carro de paseo e ata cueiros de linho en artigos de segunda man. Deseguida chegou a primeira notificación ao celular:
–Ola, son Ximena, temos interese na oferta do cenmilcousas.
–… (icona polgar)
–Estamos grávidas a preparar un parto primíparo
–… (icona trevo de catro follas)
Na paupérrima carencia ofrécese e véndese de todo. Disque é o dano colateral da crise sanitaria sumado ao conflito na Ucraína. Sempre usan eufemismos. De súpeto, a “nova normalidade” é vivir no gume da navalla da miseria. O desolador panorama rouba a maternidade de mil ventres a latexar por amor. Renuncio a ser nai. Mais os calcetíns de gancho, feitos a man, serán agasallo para outra criatura. Descúlpame mamá por deixarte sen neta.
Mándolle a Ximena a localización Google e a foto dos peúgos.”

Verde
“Remexendo entre caixas de roupa vella, Antía narra as vantaxes daquela app diante da súa nai, que escoita queda xunto á porta. «Facer limpeza, uns aforriños para caprichos, loitar contra a industria téxtil, capitalista e antiecolóxica.» Discurso ben xeitoso: tecnoloxía para unha economía circular, o triunfo do erre de reempregar.
App cool, moderna, consciente. Esquecendo que nalgures rempregar nunca foi opción cool, moderna, consciente,
senón necesidade.
Nas caixas, moitas prendas eran de cor verde. A Antía sempre lle gustara. Verde eran na súa nenez as ras de peluche e o plastidecor co que pintaba paisaxes bucólicas de árbores, regatos e paxariños.
Bucólicas paisaxes nun futuro pintadas sen árbores, regatos nin paxariños,
mais con moitos eólicos.
A mais de 2000 km de distancia da casa de Antía, no Sahara occidental, reempregar sustenta existencias e de certo non gusta un verde tinguido da palabra INVASIÓN.
Na Galicia,
no Sahara,
agroman conflitos.”