Ourense celebra o “Día de Nós”
En Ourense, na cidade na que saiu publicada a revista hai 93 anos, celebran o mércores día 30 de Outubro o “Día de Nós”. Quen promove a programación da xornada é unha asociación creada xa para preparar o centenario da publicación, dentro de sete anos.
Ourense é a casa de Nós, do grupo e a revista que marcaron un fito na historia cultural galega. A Ourense literaria ten nos homes de Nós algúns dos seus principais referentes e, neste sentido, a celebración do “Día de Nós” promovido pola Asociación Pro-Centenario Nós 2020 ten vontade de se consolidar como data no calendario cultural galego.
Nesta edición, cando se cumpren 93 anos da edición da revista o día 30 de outubro celebrarase ás 17 horas un acto festivo e roteiro con ofrenda floral aos escritores ourensáns no cemiterio de San Francisco.
A seguir, ás 21 horas co título “LerNós” desenvolverase na Tetería Grándola unha leitura de textos literarios da época da man de Iria Pinheiro, Celia Parra, Manuel Outeiriño e A RunRun Teatro.