Otero Pedraio, Rosalía, Castelao e Carvalho Calero terán cadansúa cátedra institucional
A Universidade de Santiago de Compostela (USC), o Parlamento galego e a Xunta da Galiza presentaron onte catro cátedras institucionais que levan por nome Otero Pedraio, Rosalía de Castro, Castelao e Carvalho Calero e que permitirán realizar un estudo "sosegado" sobre estas figuras da literatura e "profundar no seu legado".
Nun acto decorrido no Salón de Graos do Colexio de San Xerome, na capital galega, reitor Antonio López lembrou unha das metas da institución que dirixe: non limitarse a ser unha universidade asentada na Galiza, senón ante todo ser "unha universidade galega". O acto contou coa participación do presidente do Parlamento da Galiza, Miguel Ángel Santalices Vieira, e do conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, así como das persoas que dirixirán cada unha das cátedras.
A de Rosalía de Castro dedicarase ao estudo académico e crítico da súa obra e figura nas súas múltiples dimensións, e estará codirixida por María do Cebreiro e Fernando Cabo. Similar obxectivo terá a Cátedra Castelao, dirixida por Henrique Monteagudo e concibida para a difusión e proxección cara ao futuro da vida e da obra do político rianxeiro. Pola súa parte, a Cátedra Carvalho Calero abordará a figura, o pensamento e a obra dun representante sobranceiro da cultura galeguista contemporánea e primeiro catedrático de Lingüística e Literatura Galega da USC. Estará dirixida por Carlos Quiroga.
Manter, arrequentar e espallar o coñecemento do legado artístico e intelectual de Ramón Otero Pedraio é o propósito da cuarta cátedra institucional, que codirixen Dolores Vilavedra e Francisco Durán. Durante a súa intervención o titular de Cultura propuxo ao Parlamento e á USC, que o ano 2026 sexa declarado ano Otero Pedraio, para "profundar no autor", ao igual que 2025 foi declarado ano Castelao.
Cartas de Curros Enríquez
Tamén onte, a Cidade da Cultura da Galiza acolleu a cesión dunhas misivas, inéditas até o momento, dun dos grandes autores galegos: Manuel Curros Enríquez. Trátase de 32 cartas manuscritas que o escritor ourensán enviou ao seu amigo José Ojea entre xuño de 1904 e xaneiro de 1908. A doazón foi realizada por Emilia García Paadín á Xunta da Galiza.