Os ritmos afrobrasilerios aterran en Compostela no décimo aniversario de Trópico de Grelos

Chotokoeu nunha actuación

Obradoiros de percusión, danza, circo e capoeira e mesmo concertos, e todo de balde, conforman o cartaz do BateBatuke 2013. No marco da V Xornada de Percusión Afrobrasileira, a mítica asociación de percusionistas da capital galega promete troula nos días 1 e 2 de xuño

 

Os primeiros dous días do mes de xuño terán lugar un conxunto de actividades “abertas ao público de todas as idades” de man de Trópico de Grelos, a emblemática a asociación de percusionistas de Compostela. Para celebraren o seu décimo aniversario, este ano propoñen un cartaz que oferta obradoiros de percusión, danza, circo e capoeira e mesmo concertos, no marco da V Xornada de Percusión Afrobrasileira. E todo de balde.

Amais, para refrescar ao público, a organización propón unha sesión vermuth e xantares e ceas populares. Como desenlace do traballo anual desta asociación, o BateBatuke 2013 ten por obxecto difundir as súas actividades “entre o público da cidade de Compostela e de todo o territorio galego”.

Para levar o festival ao corazón da capital galega, un macrobloco de percusión (denominación brasileira) da escola Prucupá, xerme do proxecto, sairá da Alameda e percorrerá o casco antigo. Cómpre destacar tamén a presenza de Mario Pam, director no Brasil dunha coñecida banda de percusión, que será o encargado de guiar o taller musical.

Canto ás actuacións nocturnas, a máis relevante é a do conxunto coruñés Chotokeu que, para as súas actuacións na rúa, rescatan o nome A Patxaranga, proxecto paralelo á súa banda á que se recorre cando “os medios técnicos e os espacio” non cumpren as condicións que require o espectáculo de Chotokoeu. 

Tamén esta confirmada a presenza do mago Charlangas, dos grupos Gicap e Iandé  para os obradoiros de capoeira, do conxunto de percusión vigués Bloquinho Aperta, xa incondicionais do evento e da banda de percusións africanas de Arteixo, Perfusión. Todas estas activades porán de manifesto o lazos tecidos dende a Galiza até o Brasil e a África.