Orgasound, un altofalante que mistura o pasado e o presente

Xoán-Xil López, Belén Bermejo, Yago Portela no panel de pensamento 'Orgasound', esta quinta feira 11 de setembro. (Foto: Arxina)
Os antigos órganos empregados na electrónica.

O WOS Festival deu inicio esta quinta feira, na súa oitava edición no que este evento cultural ofrecerá unha perspectiva única sobre o son e a cultura contemporánea a través de actuacións musicais, obradoiros, paneis e instalacións.

A primeira actividade deu inicio esta quinta feira cun panel de pensamento sobre 'Resonancias do pasado. O Organsound como ponte acústica'. Unha mesa redonda na que se abordou o papel deste altofalante no ámbito patrimonial sonoro e da innovación acústica. Nela abordouse a súa historia e o seu significado cultural, así como a súa tecnoloxía ou o seu deseño.

Mais tamén houbo tempo para reflexionar sobre o futuro da recuperación do patrimonio sonoro na Galiza. Neste encontro, aberto á cidadanía, participaron Yago Portela, un dos representantes da recuperación do Orgasound e fillo de Juan Portela Seijo; Belén Bermejo, investigadora e especialista na catalogación de órganos da Galiza; e o artista sonoro Xoán-Xil López.

O Orgasound é un sistema de altofalante tubular, creado polos irmáns Juan e José Portela, que emprega a forma dun órgano para reproducir sons sen precisar enerxía eléctrica, o seu obxectivo é lograr unha total separación das frecuencias e unha sensación envolvente sen perdidas harmónicas. A súa inspiración foron os antigos e patrimoniais órganos da Catedral de Santiag9, dos que se colleron ideas para o deseño da súa forma.

En boa medida, a súa creación foi froito da obsesión de Juan Portela polos sons que para el eran perfectos da música e da natureza. A día de hoxe pode escoitarse o modelo orixinal na tenda do seu fillo, Yago Portela, en Compostela.

Así mesmo,  a investigadora Belén Bermejo explicou esta quinta feira a Nós Diario que para ela o Orgasound é a perfecta mistura "entre a tecnoloxía do pasado e do presente". É por iso polo que este instrumento está a ser moi empregado na música electrónica ao servir como fonte de creación artística e inspiración.

Bermejo destaca que é moi importante pór en valor iniciativas que dean visibilidade ao patrimonio musical galego e "que saquen instrumentos como os órganos dos seus contextos habituais". Do mesmo xeito, agradece ao WOS "programacións tan fascinantes como a deste festival".

Após a mesa redonda, o artista Xoán-Xil López presentou {o(4)}, unha instalación sonora  creada integramente a partir de sesión de gravacións que el mesmo realizou este verán no órgano da Igrexa da Compañía, hoxe coñecida como Igrexa da Universidade de Santiago de Compostela.

López considera {o(4)} como "a obra , articulada nun preludio e unha variación tímbrica, utiliza rexistros captados con diferentes sistemas de microfonía configurando unha paisaxe sonora que se transforma devagar facendo emerxer multifónicos e batementos nos que pouco a pouco vanse revelando microritmos. Ademais dos sons habituais dos tubos, colócanse nun primeiro plano aqueles outros aspectos como o son do ar ou o propio mecanismo de ventilación que alimenta o instrumento".

O resultado deste proceso de creación electroacustica, duns 20 minutos de duración, poderase escoitar durante todo o festival, desde as 16 horas e até o peche da sede Afundación. O WOS Festival é un referente no ámbito da música electrónica e de vangarda a nivel estatal que festexa durante estes días a súa oitava edición polas rúas de Santiago de Compostela.