Oliver Laxe, Carlos Jean ou Pepe Solla, na ICC Week

Unha imaxe da pasada edición de ICC Week

Ninguén o diría polo nome, pero a ICC Week é un evento cultural de amplo espectro que se celebra do 2 ao 7 de maio en varios puntos da provincia de Ourense, que reunirá profesionais destacados de varios sectores das industrias creativas. Promovido pola Deputación de Ourense. 

Esta III Edición do Marco das Industrias Culturais comezará o 2 de maio nun acto inaugural que xirará arredor da cultura e creatividade como valor nos territorios e contará con Javier Rioyo -director do Instituto Cervantes de Lisboa, cineasta xornalista e escritor- e Elsa Punset -escritora e divulgadora- como relatores, para rematar cun concerto de Depedro no Teatro Principal.

Ao longo da semana debaterase en diversos lugares da provincia sobre a industria musical, a gastronomía, o audiovisual, internet, as novas tecnoloxías e os retos culturais en Galiza como focos principais. A industria da música e os seus axentes estará representada polo xornalista Javier Becerra, que moderará un encontro Miqui Puig -compositor e cantante-, Almudena Palacios -cofundadora e coordinadora de ¡Queremos entrar!-, Daniel Sanchís -Brand Ac Director en M&C Saatchi- e a galega Patricia Hermida -presidenta de MMF Spain. El Langui tamén ofrecerá unha 'masterclass' sobre produción musical e o produtor ferrolán Carlos Jean será o protagonista dun relatorio no que exporá como a creatividade é capaz de solventar problemas.

Pola banda gastronómica asistirán, entre outros, Pepe Solla -Casa Solla-, Javier Olleros -Culler de Pau- ou Mónica Escudero -El Comidista-

O sector audiovisual estará representado por Concha Fontenla e Oliver Laxe, un dos seus máximos expoñentes na actualidade tras gañar o Gran Premio da Semana da Crítica do Festival de Cannes co seu último filme 'Mimosas. Laxe ofreceralle ao público unha travesía por este filme e o seu percorrido, mentres que a produtora audiovisual Concha Fontenla afondará no mundo audiovisual, o cine, a televisión e internet dende a perspectiva da produción.

La Molinera será o punto de encontro para as persoas máis interesadas nas tendencias da cultura dixital, onde se porán sobre a mesa os principais retos da economía colaborativa e se analizará a fotografía ante a nova economía do coñecemento. Para afrontar esta tarefa contarán con Pako Rodríguez -Ouishare-, Fran Rodríguez -director da ESEI do Campus de Ourense-, Xosé Lois Vázquez -director do Outono Fotográfico-, Javier Gutiérrez -director xeral VEGAP- e Jaime García Cantero -director xeral de contidos de El País Retina-.

A xestión cultural en Galiza

Galiza tamén será a protagonista absoluta dunha xornada dedicada á xestión cultural no país. Nel tomarán parte iniciativas nas que entra en xogo o patrimonio e a convivencia na xestión cultural, como Espazo Matrioska, Vivir Vilamarín ou Sende, e unha das actividades culturais e de lecer referentes na provincia, a Miteu (Mostra Internacional de Teatro Universitario de Ourense).

No segundo dos encontros estarán representados varios festivais do país de variadas disciplinas e contará como moderador con Sergio Lago -coorganizador do Curso de Xestión Cultural da Universidade de Santiago de Compostela e organizador de Coruña Dixital-. Entre os relatores atópanse Ángel Sánchez - do Play Doc Tui-, Alfonso Pato -do Festival de Cans-, Raquel Rivera -do FASE (Festival de arte sonoro español) de Berlín-, Matilde Rodríguez -de O Gato Cósmico e a Maker Faire Galicia- e Piti Domínguez -de O Marisquiño-.
 
Pola banda gastronómica asistirán Alfonso López -Recetas de rechupete-, Pepe Solla -Casa Solla-, Javier Olleros -Culler de Pau-, Mónica Escudero -El Comidista-, Julio Sotomayor e Daniel Guzmán -Restaurante Nova- ou a ICC Technium, unha Lan Party que se celebrará dentro do marco da ICC Week e repartirá máis de 4.000€ en premios, ademais de contar cunha zona de ocio, actividades, charlas, conferencias e torneos dos principais e-sports (League of Legends, CS:GO...), tanto e PC como nas distintas consolas.