'Oliveira ardendo', unha panxoliña para Palestina

Mondra, durante a gravación da panxoliña en Cuarto Pexigo. (Foto: Davis Suárez)
Unha base en homenaxe ao grupo Berrogüetto

Oliveira ardendo, unha panxoliña producida en Cuarto Pexigo Session, uniu Brassica Rapa, Antía Muíño e Mondra nunha homenaxe nesta datas natalicias a Berrogüetto e ao pobo palestino. Unha versión en directo e intimista encapsulada nun vídeo gravado na tenda de Cuarto Pexigo, na praza de Abastos de Santiago de Compostela, por El Membrillo.

Tomando como base o clásico Nadal de Luintra de Berrogüetto, con arranxos musicais de Andrea Pérez e a adaptación da letra de Mondra, Antía Muíño e María Prado, estes tres vértices da música galega xuntáronse para "non deixar de pór o foco no xenocidio que está sucedendo", tamén desde a arte  “e desde todos os lugares que sexa posíbel”, indicou Mondra, ao que Antía Muíño engadiu que está "moi feliz" de achegar o seu "gran de area para reinterpretar este tema e poder darlle este acertado cambio de guión e de colaborar con estes artistas”. “Non falamos suficiente do que está a acontecer en Palestina”, concluíu a cantante.

Ambos os artistas afirmaron que escolleron nesta ocasión a oliveira como un dos elementos principais do vídeo e título do tema por ser a árbore emblemática de Palestina e un poderoso símbolo da súa identidade. As súas raíces que representan o seu vínculo coa terra. Nesta liña, o deseño da capa e créditos do vídeo corren da conta de Zeltia Iglesias que se baseou na creación do motivo da rama de oliveira para tatreez por Shereen Quttaineh, unha artista palestina contemporánea, en Forbidden Plants of Palestine.

Ademais, Mondra e Antía Muíño subliñaron que "a homenaxe a Berogüetto era obrigada", cun claro desexo de mostrar como artistas novas achegan un clásico da nosa música á actualidade desde o respecto e a admiración de bandas que iniciaron camiño.

Desde Brassica Rapa indicaron que Berrogüetto é "un grupo fundamental para o país, con músicas e cantantes que son referentes de moitas xeracións que viñemos despois". Un grupo que lles serviu "para inspirarnos e para tomar a decisión de levar a cabo esta produción na que reivindicamos que, desde o río até o mar, Palestina vencerá”.

A panxoliña reivindicativa xa está dispoñíbel en todas as plataformas dixitais, así como o videoclip, que contou coa asesoría da palestina Maryam Lo Presti.