As obras de Quessada para un filme de Carlos Velo ven a luz nun álbum

María Jesús Blanco e Carmen Leyte, esta sexta feira. (Foto: FCV).
A película, co director no exilio, nunca se realizou.

O Liceo de Ourense acolleu esta sexta feira a presentación do álbum    Quessada. Debuxos para unha película de Carlos Velo, unha publicación que recupera as obras que realizou Xaime Quessada para un proxecto cinematográfico de Carlos Velo cando estaba no exilio en México. No acto participaron a presidenta da Fundación Carlos Velo, Carmen Leyte, e a presidenta da presidente da Fundación Xaime Quessada, María Xesús Blanco. Esta última foi unha das testemuñas de como naceron estas obras que nunca se reuniran como nesta ocasión. 

Os debuxos agora recompilados e editados, xurdiron tras unha viaxe realizada en 1971 de varios compoñentes dos denominados “artistiñas” - Xaime Quessada, Xosé Luis de Dios e Acisclo Manzano- para realizar unha mostra colectiva no Museo de Arte Moderno da capital de México. Daquela viaxaron até a capital mexicana os dous primeiros acompañados da muller de Quessada, María Xesús Blanco, e mantiveron contactos co director de cine Carlos Velo.

O cineasta comentoulle a Quessada e De Dios a idea de facer unha película, convidándoos a participar coas súas obras. Quen respondeu de inmediato á proposta, xa desde a Galiza, foi Quessada aínda que o filme nunca se chegou a realizar.

Débeda histórica

"É unha débeda histórica que tiñamos", asegura a Nós Diario o vicepresidente da Fundación Carlos Velo, Miguel Anxo Fernández, "foi a achega do artista ourensán a unha película imposíbel, con Velo no exilio e a situación que había no Estado español", agrega.

Para quen se  achegue ao álbum de Quessada, Fernández adianta que é "un auténtico storyboard (guión gráfico) onde hai elementos barrocos, eróticos, de seres mitolóxicos e mesmo do mundo das meigas".

En opinión deste investigador, ese mundo interesáballe ao cineasta e tamén a Quessada. "Velo procurou o mundo de Valle Inclán e de Cunqueiro e a piques estivo de sacar adiante un proxecto cinematográfico sobre Divinas Palabras", conclúe.