ESTÁ EN MANS DO ARCEBISPADO

O PP négase a que o Panteón de Galegos Ilustres sexa público

Carteis na reixa do Panteón de Galegos Ilustres que reclaman a súa apertura. Foron colgados o 28 de xuño do 2010, no 26 aniversario do traslado dos restos de Castelao, no marco dun acto do BNG.

O BNG reclamou hoxe a titularidade pública do Panteón, actualmente en mans da Igrexa, nun debate na Comisión 1ª do Parlamento, nunha proposición non de lei.

 

A voceira nacionalista Ana Pontón lamenta os “bandazos” que deu o partido no Goberno ao longo da lexislatura, e lembrou a necesidade de desenvolver os acordos que se acadaran por unanimidade na Cámara. Ao seu ver, os argumentos que deu o PP para votar en contra responden a “xuízos de valor”.

Segundo a portavoz do BNG, trátase de usar todos os medios para recuperar a titularidade pública do panteón e preservar así o seu uso civil: cómpre negociar o convenio co Arcebispado, que somete o ámbito político ao eclesiástico, para evitar a capacidade de veto que ten a Igrexa para organizar actos nese espazo.

Tamén cómpre recoñecer o Panteón como símbolo nacional de Galiza, e non realizar novos enterramentos, “sen prexuízo de que se poida lembrar e homenaxear a personalidades de indubidábel compromiso coa defensa activa a prol da lingua e cultura galegas”. E ademais é necesario promover este espazo e fomentar o seu coñecemento e conservación.

Para Ana Pontón, o Panteón de Galegos Ilustres atópase nunha situación “indigna”: ten acceso case sempre pechado, sen sinalización, e os bancos da Igrexa amoreáronse onde está a tumba de Rosalía durante o tempo que tivo lugar unha exposición. A portavoz nacionalista advertiu de que o Parlamento non pode eludir a súa responsabilidade na situación do Panteón, cando todos os grupos apoiaron o traslado dos restos de Castelao (do que se farán 28 anos nunha semana, o 28 de xuño) a este espazo, daquela laico.

“Agora non podemos desentendernos”, afirmou, “nin permitir a tutela eclesiástica nin o seu abandono”. Pontón explicou que historicamente houbo un proceso de institucionalización de San Domingos como Panteón de Galegos Ilustres, “un espazo civil en que lembrar digna e colectivamente a aquelas persoas máis relevantes da historia do pobo galego, que desgrazadamente moitas veces son máis recoñecidas fóra que dentro do País”.