O Consello da Cultura Galega advirte da 'ameaza' do aumento do IVE ás industrias culturais galegas

A institución presentou un informe do Observatorio da Cultura Galega no cal se asegura que a medida adoptada polo PP pon en perigo todo o sector.

Un informe do Observatorio da Cultura Galega, do Consello da Cultura Galega, asegura que o novo IVE aumentará os prezos  dalgúns produtos culturais e “van supoñer un perigo para futuro da actividade produtiva das empresas dedicadas ao espectáculo e á oferta de servizos culturais”. Para o Plenario é un feito preocupante nun sector que supón o  2 por cento do PIB (Produto Interior Bruto) galego, que emprega máis de 30.000 persoas, isto é, un 2´8 por cento do total d@s traballador@s.

Segundo o informe, o incremento máis grande terá lugar “en produtos e servizos, sobre todo os relacionados cos espectáculos (artes escénicas, exhibición de cine, música en vivo…), que pasan dun gravame do 8 ao 21%”. Segundo cálculos realizados no propio informe “o prezo medio dunha entrada de teatro na Galiza pasaría duns 5,3€ a 6€, a dos concertos de música popular de 5,5€ a 6,2€ e unha de cine chegue a un prezo medio de case 7,5€”.

"O prezo medio dunha entrada de teatro na Galiza pasaría duns 5,3€ a 6€, a dos concertos de música popular de 5,5€ a 6,2€ e unha de cine chegue a un prezo medio de case 7,5€”

Gastar máis
No informe tamén figura unha simulación do que suporía a subida do IVE nos termos coñecidos para o gasto cultural sobre os últimos datos da enquisa de gasto de consumo cultural nos fogares (MCED) a partir de datos do INE. O resultado evidencia que “para manter un nivel de consumo cultural semellante, @s galeg@s terían que desembolsar 32,7 millóns de euros máis, maioritariamente en espectáculos e servizos culturais”.
Este dato, lonxe de ser positivo, pode significar unha escasa demanda, e, por tanto, incidir negativamente na creación de emprego dun sector potencialmente estratéxico. Á vista disto, semella pouco probábel que as empresas poidan evitar a subida do IVE no prezo final dos seus servizos e produtos, o cal incidiría negativamente nas súas contas de resultados.

O propio informe sinala que os ingresos medios por fogar baixan de forma constante desde 2008, apuntando que “unicamente o 47% da poboación ten pensado “Saír a cear, a cafeterías, ir ao cine, ao teatro” nos próximos tres meses”. Na conclusión do informe sinálase que a aplicación desta medida agravaría a situación das empresas culturais e provocaría índices maiores de desemprego no sector.