Novísimo pop galego: Independencia e melodía

Atrás Tigre son unha das bandas que pisan forte

Algo raro pasa raro, diría Antón Reixa, no pop de Galiza. Mandan as guitarras lixeiramente distorsionadas, as mulleres toman os instrumentos e ninguén pide permiso nin dá explicacións por cantar en galego. A independencia total, por escolla ou por necesidade, caracteriza a escena. Eis un extracto da reportaxe publicada no Sermos Galiza 284 ao respeito.

O pasado 2 de febreiro, o grupo Oh Ayatollah presentou en sociedade o seu primeiro elepé -en sentido estrito: a edición é en vinilo-, Volve a canción protesta. Sobre as táboas da Sala Capitol, en Compostela, non estiveron sos. Acompañounos unha nutrida nómina de entre a plana maior do novo, e non tan novo, pop galego: Ataque Escampe, Atrás Tigre, The Homens e Familia Caamagno. Música de guitarras en galego.

 

“Non sei se existe unha escena galega”, expuña Nuno, letrista e voz dos Ayatollah uns días antes daquel concerto, “mais na Galiza sempre houbo boas cancións, bos grupos e maneiras de dar a coñecer o traballo”. O son da súa banda pode sintetizar os elementos comúns desta promoción: a sombra da Velvet Underground é alongada, a lírica abandona a política directa e por veces abeira o solipsismo, unha boa melodía é a mellor recompensa do músico, as mulleres están en calquera posición. O que un día se chamou indie pop, ao cabo.

 

“O que eu vin na estrea do disco dos Oh Ayatollah foi un ambiente de fraternidade, e iso calma tristezas”, opina Xiana Arias. Baixista de Atrás Tigre, é ademais a directora do programa que, na Radio Galega, se ocupa destas músicas: Onda Vital. Arias lembra outras iniciativas que, en tempos, axudaron a construír comunidade pop: “No seu día pasou co Manifesto Dobarrista”. Este fora un dobre disco publicado en 2007 e no que 30 grupos homenaxeaban a prehistoria do pop galego, o cancioneiro de Andrés Dobarro Lapique.

 

[Podes ler unha reportaxe íntegra no Sermos Galiza 284, á venda na loxa e nos quiosques]