"Non deixes que o mundo apague a túa luz", por Dalia Dopico Rodríguez
Todos e todas vivimos tempos escuros: a perda dun ser querido, o acoso escolar, a tristeza sen nome. Mais incluso na noite máis longa, pode agromar unha luz. Así lle pasou a André.
Con 13 anos, loiro, tímido e veciño de Rianxo, André atopaba refuxio no seu caderno de debuxo. Pintaba figuras tristes, paisaxes grises… emocións que os demais non comprendían. Os seus compañeiros rían del.
—André, que é isto? Outro debuxo depresivo? —berraba Lola, mentres lle quitaba o papel—. Teus pais péganche? Por iso debuxas así?
A profesora Dolores apareceu, pero non axudou:
—Veña, André, para de amolar aos teus compañeiros —dixo, sen escoitar.
De volta na casa, o ambiente era igual de frío. Na cociña, o caldo recalentado e os silencios pesaban máis ca as palabras.
—Come e non digas parvadas —dixo a súa nai sen miralo.
Encerrado no cuarto, André debuxou unha figura baixo unha nube que choraba por el. Só un pequeno punto branco no fondo rompía a escuridade. Unha bágoa propia caeu sobre o papel.
Ao día seguinte, decidiu non volver directo á casa. Chegou ata a antiga Biblioteca Castelao. Dentro, un señor de cabelo branco e mirada amable chamou a súa atención.
—Ti sentes moito, coma min de novo —dixo—. Chámome Rafael.
Rafael mostroulle un libro: Diario 1921 de Castelao. Nesa páxina había un campesiño triste pero digno. Explicoulle que Castelao non debuxaba só a dor: tamén denunciaba a inxustiza, defendía aos humildes, e loitaba coa arte.
Rafael amosáballe ilustracións de 'Galicia mártir' ou 'Atila en Galicia'
—Castelao acaba de morrer, pero o que el fixo vive. Ti tamén podes contar o mundo cos teus debuxos.
Durante varios días, André regresaba á biblioteca. Rafael amosáballe ilustracións de Galicia mártir ou Atila en Galicia, onde Castelao retrataba o sufrimento do pobo galego ante a guerra e a represión. Falábanlle tamén de Sempre en Galiza, un libro no que o autor defende os dereitos de Galicia e dos oprimidos con paixón e valentía.
Tamén lle mostrou As cruces de pedra na Bretaña, onde Castelao atopaba nas pedras memoria, identidade e orgullo de pobo. Aqueles debuxos, tristes pero fermosos, impactaban a André profundamente.
—El dicía que a arte debía servir ao pobo, non só para denunciar, senón tamén para dar esperanza.
Aquela noite, André debuxou algo distinto: a el mesmo, rodeado dos seus compañeiros, e ningún se ría. Ao día seguinte, pegouno no taboleiro da aula. A profesora mirouno con sorpresa. Os seus compañeiros calaron. Algo mudara: os seus trazos seguían intensos, pero agora había beleza na dor.
—Debuxas coma un artista de verdade —dixo un deles. Mesmo Lola, máis calada ca nunca, achegouse:
—Meu avó chorou por Castelao. Díxome que era bo home. Igual ti tamén o es, como el.
Os debuxos de André comezaron a decorar o colexio. A profesora Dolores pediulle ilustrar o cartel da biblioteca. E, un día, a súa nai puxo un artigo do xornal na neveira: “Pequeno artista de Rianxo pinta coma Castelao”.
Aquel xesto silencioso foi suficiente. André soubo que, por fin, alguén estaba orgulloso del.
A medida que pasaban os días, André comezou a comprender que non estaba só, que existira antes del xente que sentira dor, rabia e impotencia, pero que usara esas emocións para crear, para resistir. Rafael faloulle tamén de Cousas, un libro onde Castelao empregaba relatos curtos e debuxos para reflexionar con humor e dor sobre a vida en Galicia: os pobres, os traballadores, os vellos abandonados, as supersticións, a emigración forzosa. “Contaba cousas pequenas —dicía Rafael— pero cada palabra tiña o peso dun mundo enteiro”.
Un día, mentres André debuxaba un vello cunha maleta á beira do mar, Rafael díxolle:
—Ese vello é coma os de Cousas. Vai marchar, pero deixa atrás a súa alma.
André empezou a falar máis na escola. Cando a profesora Dolores lle preguntou por que debuxaba xente triste, André respondeu:
—Porque se non debuxo a tristeza, os que están tristes quedan invisibles. Por primeira vez, a aula calou e escoitou.
Co tempo, o seu cuarto deixouse de parecer unha cela pechada e converteuse nun pequeno obradoiro. Na mesa había libros de Castelao, cadernos cheos de bocetos e textos que escribía el mesmo, influído pola lectura de Sempre en Galiza. Alí lía frases que lle quedaron gravadas:
“A nosa fala, a nosa arte, a nosa alma, non teñen por que agachar a cabeza.”
Unha tarde, mentres pintaba, seu pai entrou no cuarto sen chamar. Mirou durante uns segundos os debuxos e dixo en voz baixa:
—Eu de pequeno tamén quería debuxar. Pero meu pai queimoume os lapis. E saíu da habitación.
Aquel xesto, breve pero real, fixo que André entendese que quizais seu pai tamén cargaba cunha dor vella, silenciada. Sen palabras, abríase unha pequena fenda para o entendemento.
Na escola, os profesores empezaron a apoiar os seus traballos. Nunha exposición sobre memoria histórica, André expuxo debuxos inspirados nos fusilados de Galicia mártir, co título: “Os que calaron sen voz, falan no meu lapis”. A exposición fixo chorar a máis dun profesor. A directora do colexio faloulle de levar os seus debuxos ao concello.
Ao acabar o colexio André foi correndo axunta de Rafael para contarlle a noticia, mais el non apareceu. André esperou, mais a bibliotecaria confirmou que o home xa non volvía. Só atopou unha nota:
"Non deixes que o mundo apague a túa luz. Castelao estaría orgulloso de ti. – R.D."
Aquel rapaz loiro, que agochaba a mirada, comezaba a erguer a cabeza, coma os personaxes de Castelao que, malia o sufrimento, non baixaban os brazos.