O Noia Harp Fest contará con arpas flamencas, escocesas e galegas

D'Supeto preséntase oficialmente no festival. (Foto: Noia Harp Fest)
A nova banda D’Súpeto, liderado polo arpista José Álvarez, é o primeiro nome da escena galega que se dá a coñecer no marco dun festival que aposta por achegar, cada ano, múltiples estilos musicais

Unha das figuras máis relevantes da arpa a nivel mundial actuará este verán na Galiza. A andaluza Ana Crismán, a máis destacada intérprete de flamenco do instrumento, encabezará o cartel da duodécima edición do Festival Internacional de Arpa Vila de Noia, que terá lugar do 30 de xullo ao 2 de agosto. A artista regresará ao Noia Harp Fest (NHF) após a súa visita no 2021, mais xa consolidada como a "mestra da arpa flamenca".

Alén de Ana Crismán, unha das figuras máis salientábeis da escena musical escocesa actuará por primeira vez no Estado no marco do Noia Harp Fest: Rebecca Hill presentará o seu álbum Thawcrook acompañada do violinista Charlie Stewart. A parella experimenta sobre a tradición con técnicas de composición contemporáneas, xerando temas hipnóticos e con grandes dotes de improvisación nos seus arranxos. Será unha das citas imprescindíbeis do festival.

Ademais, a escena galega terá, como é habitual, unha presenza relevante no único festival dedicado a este instrumento en todo o noroeste peninsular. O primeiro nome que se dá a coñecer do talento do país é o da formación D’Súpeto, cuxa presentación oficial terá lugar, precisamente, no marco do festival. O novo cuarteto lidérao o monfortino José Álvarez (arpa, mandolina e laúde), acompañado por grandes músicos galegos, como é o caso do sadense Tonecho Castelos (violín), e dos coruñeses Diego Barral (guitarra acústica) e Martín Marticonera (frauta de bico, frautas traveseiras e ocarinas). A banda actuará en Noia para dar a coñecer o seu singular proxecto musical, que alterna pezas de carácter tradicional con outras de composición propia.

O Festival Internacional de Arpa Vila de Noia (Noia Harp Fest) celebrará a súa duodécima edición os días 30 e 31 de xullo, e 1 e 2 de agosto. Organizado por Nalgures Producións e baixo a dirección artística da Asociación Noia Harp Fest, o evento conta co apoio do Concello de Noia e da Xunta da Galiza a través de Turismo da Galiza, ademais da colaboración da Deputación da Coruña. Trátase dunha cita imprescindible do calendario musical para todas aquelas amantes da arpa así como da diversidade artística; pois o evento reúne cada tempada numerosas bandas e solistas, tanto galegas coma internacionais, de diferentes estilos e orixes. 

Así, o fío condutor do Noia Harp Fest é a interpretación a través da arpa, polo que durante unhas xornadas o público pode descubrir, de balde, desde músicas ancestrais até creacións contemporáneas de vangarda de diferentes países. Ademais, o evento acolle, desde 2023, o Encontro de Escolas de Arpa da Galiza, que reúne ao alumnado dos centros galegos para tecer comunidade, convivir e interpretar, xuntas, unha composición.

Outro dos grandes atractivos do festival é a organización do Premio Internacional de Composición Portus Apostoli, un certame innovador que pretende ampliar o repertorio actual de obras para arpa e orquestra, e nesta terceira edición recibiu propostas orixinais chegadas de Alemaña, Arxentina, Austria, Colombia, España, Estados Unidos, Finlandia, Israel e Italia. Desta volta a creación gañadora resultou ser Cuatro historias gallegas, do compositor e guitarrista arxentino Federico Beilinson. O galardón, que conleva unha achega económica de 2.500 euros, suporá tamén a estrea da obra da man do NHF.