Narf homenaxea a Bowie versionando o seu 'Warhol'

Captura do vídeo

O cantautor Fran Pérez 'Narf' vén de colgar un vídeo nas redes sociais no que fai unha versión do tema 'Warhol' como homenaxe ao artista londinense falecido.

Este vídeo publicado no Facebook “é unha pequena homenaxe”, explica Narf, “foi como un impulso, sobre todo porque ese disco [Hunky Dory] me gusta moito, pero tamén outros. A súa música acompañoume desde neno e creo que mesmo me inspirou para querer ser músico. Podería dicir que mesmo lle teño cariño persoal”.

“Sempre fixo un traballo artístico profundo, nada superfluo, e fixo apostas orixinais e potentes”, salienta o autor. “Nestes momentos sempre pensas no legado que deixa un artista, e agora como di a canción, é libre coma un paxaro”. 

Narf considera que é un personaxe importante da cultura popular do século XX e destaca que sempre foi “moi innovador, eu diría que o que máis dentro dos artistas que resistiron varias décadas, sempre andivo á procura de novas sonoridades”. Na súa opinión marcou tendencias tanto nos 70 como nos 80 e foi un artista total: “mesmo convertiu o final da súa vida nunha obra de arte”. 

Vangardista

Outro dos músicos galegos que consideraban a Bowie “un dos grandes” é Marco Payno (Das Kapital, Galegoz, Xenreira), que destaca da súa traxectoria que “soubo coller as vangardas e facelas asumibles para o gran público. Non inventou nada pero tiña ollo para darlle unha volta aos novos sons que estaban xurdindo”.