Entrevistamos Quique Peón

"Na meirande parte dos casos, obvio as estrofas que están en castelán"

[Imaxe: Youtube] Quique Peón

Antes de tomar uns días de descanso após un verán de múltiples actuacións con Radio Cos, Quique Peón (A Coruña, 1963), atende Sermos Galiza para falarmos de danza e música. E se múltiplas foron as actuacións da banda que encabeza, múltiplas son as súas facetas no ámbito da cultura: profesor, investigador, creador de danza, director de Xacarandaina, impulsor de Quique Peón Cía... Entrevistámolo no Sermos Galiza 261. Eis un extracto da conversa.

Na túa faceta investigadora, lembras a primeira recollida?

Eu tería 17 e foi en Moldes, Melide, e a primeira señora á que lle recollemos chamábase María de Loureiro. Lembro que non cadraba moi ben a explicación que ela daba do baile co que nos sabiamos e empezamos a decatarnos de que había unha desconexión tanto coreográfica como de concepto, e a partir de aquí foi unha droga metida en vea e empecei a recoller, recoller, recoller, coma un tolo, até hoxe. Hai moito traballo feito de recuperación e de divulgación, pois despois púxose no escenario, tentando ser o máis fieis posíbeis a aquilo que se facía na aldea, buscando un equilibrio entre a parte escénica e a tradición pura, ou enxebre. E este é un labor de moitos anos. Conseguíronse moitos premios a nivel nacional, internacional e estatal e o labor foi importante, non só a nivel de recuperación, senón a nivel técnico e artístico.

 

E como reaccionaban nas aldeas neses primeiros anos en que iades recoller mostras?

Agora desde hai uns anos é máis fácil, pero daquela, petabas nunha porta, abríanche a folla de arriba un pouquiño e preguntábanche que querías. E eu, “quero que baile e toque”. Era unha cousa complicada, convencer a xente. Ademais, non lle daban importancia, pero buscabámonos a vida como fose, por enchufe, polo alcalde, o cura ou o que fose. Eu creo que, a partir dese traballo que fixemos, cambiamos a visión ao país. A partir do traballo que fixemos nós, todo o mundo se puxo a recoller e isto veulle marabilloso a Galiza porque se recuperou moitísimo, moitísimo. Di ti que está todo en arquivos particulares, e esta é unha materia pendente, pero creo que se mellorou moito tanto en vestiario como nas coreografías auténticas e nos movementos... foi unha mellora ao 100%.

 

Falabas de fidelidade, es partidario de cantar temas tradicionais con estrofas en español? Hai moito debate con isto...

Eu téñoo meridianamente claro. A maioría das estrofas son en galego, e habendo moitas onde escoller, normalmente eu escollo as feitas en galego. Non creo que haxa que traducir as que están en castelán. É unha documentación etnográfica, a etnografía é unha ciencia e non se poden andar a mudar as cousas. Outra cousa é que ti fagas algo moderno, pero se te vistes de tradicional de hai dous séculos e te pos a facer tradución dunha estrofa que veu de Castilla cando era a sega... paréceme unha animalada. Como fago eu? Dentro do abano de estrofas que hai, escollo as que están en galego e punto. Tampouco teño problema ningún en poñer algunha en castelán se é un castelán que a súa estrutura cheira a galega. Entón, ao mellor, si, pero na meirande parte dos casos, óbvioas.

 

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 261, á venda na loxa e nos quiosques habituais]